A Cidade da Cultura acolle unha xornada demostradora de SuSE para empresas

luns, 25 de marzo do 2019 Redacción

Este martes 26 de marzo a Cidade da Cultura vai acoller unha cita de importancia práctica e divulgadora sobre informática libre e transformación tecnolóxica. Estamos a falar dunha xornada demostradora sobre as solucións que SuSE, a máis histórica empresa actual de cantas se adican a Linux e ao código aberto, pon en xogo para infraestruturas empresariais. A cita vén da man da AGASOL e o Cluster TIC Galicia.
Porase o foco nas solucións de xestión de SuSE (de gran interese para introducir axilidade e fiabilidade no día a día dunha empresa) e na súa Plataforma CaaS, unha distribución de Kubernetes certificada pola Cloud Native Computing Foundation (CNCF) e orientada a permitir a xestión de colectores e implantar, xestionar e ampliar con máis facilidade aplicacións e servizos baseados nos mesmos.
Segundo informa AGASOL e o Clúster TIC, achegaranse claves para “afrontar o reto da transformación dixital das empresas dunha forma áxil e de doada xestión, reducindo gastos e dependencias de provedores, cunha solución de almacenamento intelixente e de software aberto”.

PUBLICIDADE