A Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia

venres, 26 de novembro do 2021 S. P.

JPEG - 114.1 KB
O novo centro cultural estará emprazado nos aparcamento subterráneos do que hoxe é o Edificio Fontán

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, debullou este venres 26 no Parlamento os eixos básicos do II Plan Estratéxico do Gaiás (2021-2027). Segundo fixo saber, a Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia.
Dende este espazo que quere ser un referente estatal e internacional nestas disciplinas “apoiarase aos creadores para experimentar con estas novas linguaxes e programaranse contidos que acheguen á cidadanía experiencias artísticas anovadoras”, dixo, facendo un chamamento ao sector cultural para que “aproveite as oportunidades que se están a abrir coa irrupción destes novos modos de expresión que chegan da man de tecnoloxías como as experiencias inmersivas ou a Realidade Virtual e Aumentada, entre outros recursos”.
O futuro centro de artes dixitais situarase nos aparcadoiros subterráneos do antigo Teatro da Música, hoxe Edificio Fontán. Non suporá, sinalou, “a construción dun edificio novo, senón a adecuación e o equipamento de sotos xa existentes e en desuso despois da paralización das obras do Teatro da Música”.
Asemade, engadiu que o plan estratéxico formula 70 accións e prevé mobilizar preto de 30 millóns para impulsar o sector cultural, “dando resposta á necesidade de pór en valor a través de proxectos expositivos temporais e de accións divulgativas de coleccións e legados artísticos esenciais na configuración da cultura e da identidade de Galicia”, informou.

PUBLICIDADE