A Cidade da Cultura convídanos a facer un gran mural audiovisual sobre Carvalho Calero
luns, 4 de maio do 2020
A
cultura segue, e faino nas nosas casas e nas redes. Tendo en conta
esta gran praza segura de actividade cultural e comunicativa que é
Internet, a
Cidade da Cultura de Galicia acordou celebrar o vindeiro 17 de maio,
a edición 2020 do Día das Letras Galegas adicada ao ferrolán
Ricardo Carvalho Calero, cunha lectura participativa online
de textos do autor homenaxeado. A actividade está aberta a toda a
cidadanía. O único que se pide é compartir un pequeno vídeo lendo
un texto do escritor. O audiovisual co que contribuamos será a
pequena-gran parte dun todo: un gran mural con imaxes e sons que se
publicará nas redes o vindeiro 17 de maio con todas as achegas
recibidas.
A
iniciativa deste mural colectivo online enmárcase na campaña
#aculturasegue, promovida pola Xunta de Galicia para ofrecer diversas
actividades de lecer e formación en liña na situación actual de
alerta sanitaria.
A
escolma de textos para esta lectura participativa está realizada
pola poeta Pilar Pallarés, recoñecida en 2019 co Premio Nacional de
Poesía polo seu libro Tempo Fósil. Nesta escolla inclúese
unha completa mostra da ampla produción literaria de Carvalho
Calero, desde poesía, teatro, ensaio ou narrativa.
As
persoas interesadas en participar poderán descargar a proposta de
textos na web da Cidade da
Cultura e enviar un vídeo antes do 11 de maio ao enderezo
electrónico prensa@cidadedacultura.org. Ao igual que se fixo en anos
anteriores con escritos de María Victoria Moreno e Antonio Fraguas,
as lecturas dos textos de Carvalho Calero serán incluídas nun
audiovisual que recompile todos os fragmentos. Para festexar o día
grande das nosas letras, esta peza será emitida en liña polas
diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook,
Twitter e Instagram). “Será un xeito de contribuír a pór en
valor o labor do autor ferrolán para dignificar o idioma e a cultura
galega, e de espallar o seu prolífico traballo como historiador da
literatura, crítico literario, filólogo e escritor a calquera
recuncho do planeta”, explicou a dirección do complexo cultural do
Gaiás, en Santiago.
Carvalho
Calero
Ricardo
Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e faleceu en 1990 en Santiago
de Compostela. A Real Academia Galega salienta da súa figura o seu
compromiso galeguista, que o levou mesmo a sufrir cárcere tras a
guerra civil; a súa faceta de creador literario nos eidos da poesía,
da narrativa e do teatro; o seu labor no campo da historia literaria
galega, do que pode considerarse fundador coa monumental Historia da
literatura galega contemporánea (1963); o feito de ser o primeiro
profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura
Galega e a influencia, nos últimos anos da súa vida, das súas
ideas sobre a lingua propia de Galicia.
A
traxectoria de Ricardo Carvalho Calero pode rastrexarse nas numerosas
institucións e entidades vinculadas á lingua e á cultura galegas
das que formou parte ou que recoñeceron o seu labor. Foi membro do
Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, da Real Academia
Galega e da Academia de Ciências de Lisboa, ademais de membro de
honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da
Associaçom Galega da Língua (AGAL); dirixiu o colexio Fingoi;
participou activamente nas actividades do Grupo Galaxia; foi
recoñecido coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1984) e
declarado Fillo Predilecto de Ferrol (1990).