A Coruña acolle esta semana a nova edición do Guadec Hispana

mércores, 21 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

A Coruña vai ser de novo un emprazamento de primeira liña para o debate arredor da programación aberta, máis polo miúdo arredor do proxecto GNOME. Así nolo fan saber os organizadores da sétima edición do Guadec Hispana, un espazo de encontro para usuarios e desenvolvedores de software libre pertencentes ás comunidades españolas e de América Latina. A cita, que se celebra na Facultade de Informática da Coruña os vindeiros 22 e 23 de xullo, apoiarase sobre todo no intercambio de información arredor do devandito GNOME, un proxecto colectivo de programación aberta que impulsa e crea o emprazamento preciso para un interfaz de escritorio doado, útil, accesible e de balde para millóns de usuarios de todo o mundo.
O congreso, que está organizado polas asociacións GPUL e GNOME Hispano (en colaboración coa Universidade da Coruña), conta co patrocinio da firma galega Igalia, OpenShinecon e CENATIC, e máis o apoio da Facultade de Informática, o colectivo Ghandalf e a Secretaría de Modernización da Xunta de Galicia a través de Mancomún e a Fundación para o Fomento da Calidade.
Volvendo a GNOME, alicerce temático da xuntanza, dicir que é o escritorio de serie que figura en distribucións GNU/Linux tan salientables e de uso tan espallado como por exemplo Ubuntu, Red Hat ou Debian, ferramentas empregadas por institucións públicas como as xuntas de Estremadura e Andalucía, máis polo miúdo para dar soporte ás súas respectivas solucións de software libre autonómico, Linex e Guadalinex.
GNOME, como calquera outra aplicación en aberto de uso común, ten tras de si un importante número de colaboradores-voluntarios que promoven e deseñan melloras constantes no programa. A diferenza con outros aplicativos radica se cadra no tamaño dese colectivo, especialmente salientable neste caso. Xuntos, informan as entidades organizadoras da xuntanza, “traducen, deseñan, proban e divírtense, acadando un escritorio que é a base de iniciativas empresariais de alto nivel, como por exemplo o último modelo do teléfono móbil de Nokia, o N900, o primeiro trebello destas características que emprega un sistema GNU/Linux dentro da firma finesa”.