A Coruña dará acubillo a dúas grandes citas de Youtubeir@s

luns, 11 de marzo do 2019 Redacción

A Coruña vai ser o escenario de varias actividades referenciais da nova edición (a terceira) do certame Youtubeir@s, centrado en encher YouTube e outras redes sociais de contidos audiovisuais galegos. Máis polo miúdo, desenvolverase na Coruña a Xornada para Youtubeir@s e a Lista de Reprodución ao Vivo, as dúas actividades pertencentes á iniciativa Youtubeir@s en conexión, unha das novas liñas de traballo desta edición do proxecto. A maiores, pon en xogo este ano outras novidades: haberá máis creadoras e creadores, incrementaranse contías de premios e categorías e xeraranse máis actividades de difusión e formación.
A Xornada para Youtubeir@s consistirá nun encontro de toda a comunidade youtubeir@ galega para reflexionar sobre o panorama creativo a distintos niveis, como son o lingüístico, o temático e o da creación de públicos. Trátase dunha actividade participativa na que colaborarán grupos de traballo como o equipo de Coruña Dixital, e que ten como obxectivo xerar unha reflexión colectiva e, tamén, fornecer dun punto de encontro para a conexión e o fortalecemento da comunidade de persoas creadoras.
En canto á Lista de Reprodución ao Vivo, consistirá igualmente nun encontro, pero neste caso das persoas youtubeiras co público, en contacto directo e sen dispositivos electrónicos.
13 concellos
O certame Youtubeir@s de vídeos en galego presentou os días pasados a súa terceira edición, tal e como reflectimos ao detalle en Código Cero, facendo un repaso polos logros de anos anteriores e polas novidades de 2019. Esta convocatoria será novamente unha convocatoria de incorporacións e estreas. Para comezar, hai máis concellos implicados na organización do certame, a través dos servizos de normalización lingüística de cada entidade local. Estamos a falar dos gobernos locais da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo. A estas entidades cómpre engadir as nosas tres universidades e maila Deputación da Coruña.
Premios e modalidades
O proxecto, para esta edición, aumenta o número de categorías e incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 euros de 2018 aos 6.500 euros desta terceira convocatoria. A devandita contía total repartirase nos galardóns das categorías nas que se divide o certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos. Esta última categoría é unha das grandes novidades deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en YouTube.
A estas catro modalidades engádenselle outras catro que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. A estes oito galardóns cómpre xuntarlles, a maiores, o premio do público, chamado #propostayoutubeira, coa que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico, proposta@youtubeiras.gal, un vídeo do que sexan seareiros/as. Este ano, amplíase o prazo de inscrición, que principia este 13 de febreiro, e remata o vindeiro 27 de setembro.
Formación
Unha das grandes bazas do Proxecto Youtubeir@s é a formación, tal e como se sinalou no acto celebrado en Compostela. Esta liña docente centrará este ano unha parte importante dos seus esforzos en cursos e obradoiros destinados sobre todo á comunidade educativa, por ser o alumnado dos nosos centros educativos (integrado por nativas e nativos dixitais) o principal destinatario do concurso, malia o seu carácter interxeneracional. En base a isto, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.

PUBLICIDADE