A Deputación da Coruña achéganos na Rede unha oportunidade para mergullarnos no Reino Medieval de Galiza
luns, 19 de setembro do 2022
Este
luns 19 de setembro comezou
finalmente o Congreso sobre o Reino Medieval de Galiza, impulsado
pola área de Cultura da Deputación da Coruña e cun formato de
catro xornadas. No seu transcurso afondará na historia medieval de
Galiza desde diversas perspectivas, podendo seguirse de xeito
telemático a través da
páxina web do Congreso. No acto de apertura participaron a
presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o
curador científico do Congreso, Anselmo López Carreira, e o
deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Xurxo
Couto asegurou durante a súa intervención que “hoxe é un día
transcendental na nosa historia, porque este congreso é o primeiro
que se celebra sobre a nosa época medieval, esa realidade que a
pesar do seu esplendor e das evidencias históricas de todo tipo, foi
sistematicamente relegada e negada pola historiografía oficial e
directamente ocultada nos materiais educativos e divulgativos”.
Neste sentido, deputado afirmou que “chegou o momento de poñer fin
á ocultación do Reino de Galiza”-
Pola súa banda, Anselmo López Carreira comezou a súa intervención
facendo referencia a que “hoxe cúmprense 911 anos e 2 días da
coroación de Alfonso VII, aínda infante, por parte do bispo
Xelmírez e da que temos cumprida información na Historia
Compostelá, e con este aniversario quixemos facer coincidir este
Congreso”. Comezou o seu relatorio inaugural amosando a descrición
da cerimonia na que se dá conta da imposición da espada, do cetro e
da diadema de ouro ao novo rei na Catedral de Santiago, a posterior
misa solemne e o convite rexio co que remata; para pasar a facer un
percorrido sobre os reis e avatares que o sucederon durante todo o
período medieval. Mentres, Concha Losada, ademais de agradecer a
escolla do Museo do Pobo Galego como sede do simposio, vinculou a
temática que se aborda cunha nova liña de traballo que está a
desenvolver a institución museística e que consiste na posta en
marcha de novas salas de exposición dedicadas especificamente á
historia de Galiza.
Tras
a xornada inaugural, o primeiro dos relatorios versou sobre
Historiografía catalana versus historiografía española: un
exemplo historiográfico alternativo, a cargo de Jaume Sobrequés
da Universidade Autónoma de Barcelona; seguido das intervencións
de Simon Doubleday da Universidade Hofstra de Nova York sobre
Historia de dúas fronteiras. Algunhas reflexións sobre as
relacións con Al-Ándalus durante o reinado de Fernando I e Sancha
de Galicia-León; e de Pablo Díaz Martínez da Universidade de
Salamanca sobre Fontes e historigrafía do reino suevo. Unha
relectura. Cada relatorio vai seguido dun coloquio moderado pola
xornalista Charo Lopes.
Todas
as sesións están a ser retransmitidas ao vivo desde a páxina web do evento,
que centra nunha pantalla única as diferentes relatorías, as
proxeccións e a interpretación para as persoas xordas.