A Deputación da Coruña amosa en Bruxelas o seu proxecto de emprego rural a través das TIC
martes, 13 de outubro do 2015
A
Deputación
de Coruña está a participar na nova edición, a número 13, da
Semana Europea das Rexións e as Cidades Open Days 2015, que se
celebra até o 15 de outubro en Bruxelas. Na cita, José Luís
García, deputado responsábel da Área de Promoción Económica da
Deputación da Coruña (e alcalde de Brión), explicará os
resultados do proxecto
Parnet-TIC 2, unha iniciativa destinada a incentivar o emprego no
eido rural a través das novas tecnoloxías.
Segundo
lembra o organismo provincial, os
Open Days son eventos anuais
organizados
polo Comité das Rexións (CDR) e a Dirección Xeral de Política
Rexional e Urbana da Comisión Europea co obxectivo de compartir
experiencias de xestión e boas prácticas no eido local, así como
coñecementos especializados sobre desenvolvemento local e rexional.
Entre outras
actividades, José Luis García asistirá este martes 14 de outubro
ao seminario Cooperación local e rexional para o cambio demográfico
que se celebrará na Representación Permanente de España na Unión
Europea. Nel, abordaranse diferentes estratexias para afrontar os
retos derivados do envellecemento e a baixa densidade de poboación,
sobre todo nas áreas rurais e Europa.
No mesmo día,
na sede da Fundación Galicia Europa na capital europea, o deputado
coruñés explicará no marco dun seminario sobre integración das
áreas rurais e urbanas (no
que participarán representantes de entidades locais de Grecia,
Italia, Polonia, Croacia, Holanda, Portugal e Reino Unido),
algunhas das claves do proxecto Parnet-TIC 2 que desenvolve a
Deputación da Coruña co obxecto de potenciar a creación de emprego
no rural a través das novas tecnoloxías. Para
acadar este obxectivo, ao abeiro de Parnet-TIC 2 estanse a realizar
diversas actuacións, como a posta en marcha de accións formativas,
a creación dunha
plataforma web onde se amosan ideas, perfís de oferta e demanda
e un catálogo de ferramentas orientadas a aforrar custos ao
emprendedor e optimizar os seus resultados empresariais; ou o
lanzamento dunha aplicación propia dirixida a fomentar a
conectividade e a participación.