A Deputación da Coruña impulsa nas redes a Feira do Libro da Coruña
mércores, 3 de agosto do 2016
A
Deputación da Coruña está a darlle impulso nas redes sociais á
Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve até o 10 de agosto.
Na inauguración do evento libreiro participou, de feito, a
vicepresidenta e responsábel de Cultura da entidade provincial,
Goretti Sanmartín, que defendeu o acto de ler como “un acto
colectivo que implica ás persoas que len pero tamén ás mestras e
mestres e ás que escriben, editan ou traballan nas librarías”. O
acto de apertura da Feira do Libro contou tamén coa intervención da
presidenta da Federación de Libreiros, Pilar Rodríguez, o
conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o alcalde da Coruña,
Xulio Ferreiro, ademais de de Pinto e Chinto (lectores do pregón).
Segundo fixo saber Goretti Sanmartín, a presenza da
área de Cultura da Deputación difundirase nas redes por medio dun
vídeo de promoción que levará o lema #CulturaenIrmandade e que
incluirá referencias a Manuel María, ás Irmandades e á literatura
galega, ademais da participación de distintas persoas ligadas á
literatura que explican as razóns que as levaron a seren lectoras e
escritoras. Entre as integrantes desta irmandade lectora que
concorren no vídeo atópanse a escritora Rosalía Fernández Rial, a
historiadora Mercedes Queixas ou o coordinador de actividades da
Fundación Manuel María, Fran Rei.
Segundo fai saber a Deputación, coa devandita
etiqueta tamén se vai difundir o #CaféDasIrmandades, unha
actividade na que ás asistentes a feira poderán retratarse con
Antón Vilar Ponte e María Miramontes, dous dos protagonistas das
Irmandades da Fala. O día 4 de agosto pola mañá, entre as 11:00 e
as 12:00 da mañá e outro o 10 a de agosto pola tarde, entre as
18:00 e as 19:00 serían as dúas sesións nas que, ademais, se
desenvolverían conversas sobre as Irmandades arredor dun café. Pola
súa banda, #LibrosEnIrmandade é a etiqueta coa que se marcarán
minivideos de 30 segundos para, en palabras da entidade provincial
coruñesa, “incrustalos directamente nas redes sociais”. Así, a
través desta iniciativa dixital, “autores e autoras literarias que
pasen pola feira falarannos dos seus libros e as persoas asistentes
recomendarán a lectura de dos seus títulos preferidos”.