A Deputación de Lugo achega aos concellos unha nova ferramenta anti-corrupción
luns, 26 de xuño do 2023
A
Deputación de
Lugo organizou este luns 26 de xuño unha xornada informativa para as
entidades locais da provincia sobre a Canle de Denuncias,
un servizo informatizado sobre infraccións normativas e loita contra
a corrupción que esixe a UE. O deputado en funcións de Promoción
Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu a benvida a máis dunha
decena de técnicos de diferentes concellos.
“Nesta
xornada ofrecemos información aos concellos sobre como poden activar
a Canle de Denuncias, como é o proceso para realizar
comunicacións ou como xestionalo”, asegurou o Deputado, quen tamén
deu conta aos representantes municipais do
convenio tipo que vén de aprobar a Deputación para que os
concellos se adhiran coa finalidade de poder participar nas accións
que a institución vai desenvolver grazas aos 4M€ que captou de
fondos europeos para avanzar na dixitalización da administración
local. “Uns fondos”, dixo, “que servirán para mellorar a
resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia
de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos
concellos da provincia ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs
dos concellos”.
Á
xornada asistiron representantes dos concellos de Antas de Ulla,
Baleira, Baralla, O Incio, Láncara, Palas de Rei, O Páramo,
Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, Ribas de Sil e Xermade. Un
técnico explicoulles que, en cumprimento do establecido na Lei
2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que
informen sobre infraccións normativas e de loita contra a
corrupción, a Deputación Provincial de Lugo implantou xa este
sistema interno de información e que servirá para que os cidadáns
poidan informar sobre infraccións penais ou administrativas.
Na
páxina web da Deputación xa se pode acceder a información
relevante sobre a Canle de Denuncias, o responsábel do
sistema, os dereitos do informante e a política de protección de
datos. Así mesmo, pódese consultar o procedemento establecido para
a xestión das comunicacións recibidas.