A Deputación de Lugo e a Fundación Uxío Novoneyra mostraron nun curso os camiños innovadores da edición

xoves, 14 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe pechaba páxina o Curso de Novas Tendencias en Edición coa entrega dos diplomas aos 20 alumnos e alumnas asistentes ao acto celebrado no lucense Pazo de San Marcos. Ao evento asistían o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, a deputada de Cultura, Pilar García Porto e Uxío Novoneyra, secretario da Fundación Uxío Novoneyra e fillo do poeta homónimo. Engadir que despois da entrega de diplomas do obradoiro, organizado polas ditas entidades, os asistentes participaron nunha conferencia do editor Enrique Redel (da editorial Impedimenta), quen falou sobre os vieiros que se están a explorar en edición literaria, moitos deles dixitais, e a experiencia das redes editoriais colaborativas na cidade de Lugo.
Cómpre dicir que estamos perante unha proposta do Goberno provincial e desenvolvida pola entidade que leva o nome do poeta Uxío Novoneyra coa arela de impulsar e promover o coñecemento literario e cultural amais de dinamizar o sector editorial.
En que consistiu o curso Novas Tendencias Literarias? Pois trátase dunha actividade que xorde pola demanda da área de Cultura da Deputación. Coa novidade de que este ano a acción formativa é homologábel por un curso ocupacional ou intercambiábel por dous créditos da USC. O curso tivo unha duración de 60 horas, repartidas nos venres e sábados dende o 6 de abril até o 5 de maio. Nel, participaron autores e editores de gran relevancia galega, e os asistentes realizaron unha antoloxía de nova poesía luguesa e unha mostra expositiva da evolución soportes-libro. Algún dos relatores deste curso foron: o director de Signum Deseño, Manolo Martínez, o cineasta, Miguel Anxo López ou o escritor, actor e xornalista, Antón Lopo.
Por outra banda, buscábase botar luz sobre os xeitos innovadores de lanzar literatura ao mercado botando man das novas tecnoloxías dixitais. Tanto para a promoción, a mercadotecnia, a distribución e a comunicación cos lectores, como para o propio produto editorial en si mesmo.
A xeito informativo engadir que estase a pensar na opción de facer dous cursos máis o vindeiro ano, unha nova convocatoria como a do curso que vén de rematar, e outra máis avanzada para aqueles que xa acudiron á primeira edición, ou teñan unha formación máis especializada.

PUBLICIDADE