A Deputación de Ourense e a CEO permitirán ás empresas mostrarse en feiras virtuais
xoves, 27 de setembro do 2018
A Deputación de Ourense e a Confederación
Empresarial de Ourense (CEO) veñen de unir forzas para tirar abaixo
barreiras reais e virtuais entre as empresas provinciais, por unha
banda, e o mundo, pola outra. Para isto, puxeron en marcha unha nova
ferramenta (ao abeiro do programa ExportOU) que consiste nunha
solución tecnolóxica con capacidade para que os negocios locais
melloren a súa presenza comercial internacional e capten clientes e
distribuidores doutos países “de maneira sinxela e accesíbel”.
A
ferramenta Sistema de Feiras Comerciais Virtuais foi dada a coñecer
onte na sede da CEO.
No acto participaron o vicepresidente da
Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente da CEO,
Alejandro Cruz; e o profesor Jesús Albizu, asesor e especialista en
deseño de programas relacionados coa internacionalización das
empresas, co punto de mira nas PEME, e que desenvolveu programas para
impulsar programas de exportación en 21 países de Europa, América,
Asia e África.
Rosendo Fernández lembrou que en marzo a
Deputación de Ourense e a CEO asinaron un convenio de colaboración
para “desenvolver un plan de aceleración e reforzo intelixente
para a internacionalización das empresas ourensás”, no marco da
iniciativa ExportOU. Da formalización desa alianza, dixo, abrollou a
ferramenta presentada onte, a oficina virtual de apoio á procura de
novos mercados. “Con esta iniciativa”, engadiu, “fortalecemos o
Programa ExportOU para beneficio das empresas de Ourense, nun mundo
globalizado onde é difícil competir”.
Pola súa banda, o vicepresidente da CEO incidiu
na “aposta decidida” da entidade pola internacionalización do
empresariado da provincia, a través de programas de formación
específica e a organización de misións comerciais inversas.
No acto, Jesús Albizu encargouse de debullar a
metodoloxía da ferramenta, salientando que as feiras virtuais operan
como “un reforzo á presenza internacional”, posibilitando que o
encontro entre empresas interesadas en vender e os potenciais
clientes “se produza a baixo custe nunha plataforma accesible en
Internet”. O Sistema de Feiras Virtuais, que Albizu cualificou como
“tren do futuro”, pon en xogo un extra importante de eficiencia e
eficacia na exportación comercial: máximos resultados con mínimos
recursos. Segundo dixo, o feito de que o encontro se poida producir
dunha maneira virtual “permite multiplicar os esforzos comerciais
sen o custe engadido das viaxes aos países de destino nos que se
quere presentar o produto e captar empresas interesadas”.
O Sistema de Feiras Virtuais pon a disposición
dos usuarios a posibilidade de enviar convites a potenciais clientes,
axentes ou distribuidores, co fin de animalos a visitar unha feira
virtual na que estean presentes as empresas interesadas, cada unha
delas co stand de seu personalizado, no que mostrar polo miúdo
súa oferta de produtos a través dun vídeo.