A Deputación de Pontevedra, distinguida pola súa accesibilidade en liña
luns, 20 de novembro do 2023
A
Deputación de Pontevedra vén de ver recoñecida a accesibilidade do
seu portal web institucional e a súa sede electrónica, acadando
respectivamente unhas puntuacións de 9,74 e 9,31 puntos sobre 10 na
cuarta iteración realizada polo Observatorio de Accesibilidade Web
pertencente ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación
Dixital do Goberno de España. A revisión realizouse o pasado mes de
xullo coa metodoloxía do seguimento simplificado UNE-EN 301549:2022.
Fontes
da Deputación explicaron que no caso da puntuación obtida polo
portal web, esta nota supón un incremento de 1,1 puntos respecto ao
resultado anterior, mentres que a sede electrónica é a primeira vez
que participa nesta análise. O portal institucional sitúase deste
xeito na novena posición dos 750 sitios web analizados
correspondentes a entidades locais,” unha importante mellora desde
a posición número 58 da análise anterior”, explicou a
Deputación, engadindo que caso das institucións provinciais “este
recoñecemento é aínda mellor ao acadar a quinta mellor nota (11 na
análise anterior), e a sede electrónica inicia a súa verificación
nas posicións 42 e 8 desas mesmas categorías, respectivamente”.
Todas
as páxinas analizadas do sitio web da Deputación de Pontevedra
acadaron o máximo nivel de adecuación (AA). Pola súa banda a sede
electrónica, con algún erro detectado en canto a accesibilidade no
que xa está a traballar o persoal técnico da institución
provincial, acadou tamén o nivel AA na valoración do seu conxunto.