A Deputación de Pontevedra e o Consello de Contas verifican o nivel de protección en liña da institución provincial
mércores, 13 de setembro do 2023
A Deputación
de Pontevedra e o Consello de Contas colaboran no desenvolvemento
dunha auditoría de ciberseguridade da institución provincial
encamiñada a analizar o seu estado de seguridade informática así
como o grao de eficacia dos seus Controis Básicos de Ciberseguridade
(CBCS).
O deputado de Asistencia aos Concellos,
Transparencia e Administración Xeral, Jesús Vázquez Almuíña,
mantivo xunto a técnicos da Deputación un encontro institucional
con Simón Rego, conselleiro responsábel da área de Corporacións
Locais e Fiscalización, como paso previo ao arranque deste proceso
no que se verificarán os elementos informáticos que a institución
provincial ten en marcha para protexerse das ciberameazas.
Esta iniciativa enmárcase no plan de auditorías
que o Consello está a abordar nas catro deputacións provinciais,
para avaliar e comprobar a situación dos controis básicos de
ciberseguridade destas institucións. Ao abeiro deste traballo, o
Consello de Contas analizará nos próximos dous meses diversos
ámbitos sobre os sistemas de información, afondando no deseño e a
eficacia operativa dos controis básicos de seguridade informática
para identificar, no seu caso, posíbeis eivas que poidan afectar á
confidencialidade, a integridade, a dispoñibilidade, a autenticidade
e a rastrexabilidade dos dato.
No proceso, a Deputación aportará a información
sobre o inventario e control de dispositivos físicos; organigrama; o
diagrama de rede e a estrutura documental existente. A auditoría
examinará, entre outras cuestións, as configuracións seguras do
software e hardware de dispositivos móbiles, portátiles, equipos de
sobremesa e servidores; o rexistro da actividade dos usuarios; copias
de seguridade de datos e sistemas e o cumprimento normativo.