A Deputación de Pontevedra rende homenaxe á fotógrafa Mary Quintero no seu novo podcast
mércores, 26 de xuño do 2024
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu un novo faladoiro do programa de podcast da institución provincial Aquí faltan páxinas. Neste caso, Mary Quintero converteuse na protagonista e na primeira muller viva en formar parte deste programa presencial e dixital (Aquí faltan páxinas) que “relata historias apaixonantes, das que sentirnos orgullosas, para mostrar o legado de mulleres vinculadas coa nosa provincia e inspirarnos nelas”, asegurou a deputada provincial Sandra Bastos na inauguración do faladoiro.
“Síntome moi feliz de que Mary Quintero, que con 77 anos de traxectoria profesional é unha das grandes pioneiras da fotografía en Galicia, se teña convertido na primeira muller viva en protagonizar os faladoiros de Aquí faltan páxinas”, remarcou Bastos quen confesou “admirar” á fotógrafa, “que foi quen de rexentar un estudo propio e estar sempre á vangarda, vivindo a historia da fotografía desde o magnesio ata a dixital”. Tamén recordou a deputada os numerosos premios recollidos por Quintero ou a súa participación en conferencias nacionais e internacionais e subliñou que “non hai familia en Vigo que non teña no seu álbum familiar unha instantánea túa”.
A Deputación de Pontevedra ten aberta até o 28 de xuño unha exposición con obras e obxectos que dan boa mostra da traxectoria profesional da fotógrafa. Tamén editou un catálogo, que recolle as súas fotografías e a súa traxectoria, co obxectivo, tal e como remarcou a deputada, de que “Mary Quintero permaneza para sempre entre todas e todos nós”.
A traxectoria da fotógrafa, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, pode consultarse nun podcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional (depo.gal) como en Ivoox e Spotify. Nesta segunda edición do programa, que comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano, recóllense as historias de mulleres como Inmaculada Paz Andrade, Urania Mella, María Araujo, a raíña Urraca I de León, as madriñas de San Simón, as leiteiras de Pontevedra, Mercedes Ruibal, Avelina Valladares, María Pardo ou Placeres Castellanos, ademais de Mary Quintero.