A FECYT elixe á galega Xercode para o mantemento e soporte de revistas científicas

venres, 28 de febreiro do 2014 Redacción

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) é unha organización pública que abría as súas portas en 2001. A súa principal meta é a de impulsar a ciencia e a innovación promovendo o seu achegamento á sociedade e dando respostas ás necesidades do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Empresa (SECTE). Emporiso, a nova en cuestión é que a FECYT vén de contratar a unha empresa galega -Xercode- para que se encargue do mantemento e soporte da súa plataforma de revistas científicas.
Cómpre dicir que Xercode é unha empresa tecnolóxica especializada en servizos, produtos e proxectos de innovación para bibliotecas, arquivos, centros documentais e contorna editorial, achegando servizos para todo o ciclo de implantación de OJS: consultoría, instalación, desenvolvemento, actualización, formación, soporte e mantemento.
Atendendo a isto, FECYT encomendou a Xercode o servizo de soporte e mantemento evolutivo da Plataforma Repositorio Español da Ciencia e Tecnoloxía (RECYT) baseada no sistema Open Journal System (OJS). A dita plataforma RECYT -desenvolvida como xa apuntamos en base ao sistema open source OJS- ofrece ás revistas certificadas unha contorna de edición electrónica e publicación. Deste xeito, o portal de RECYT permite que, as revistas certificadas, gocen dos seus beneficios proporcionando axuda á profesionalización das revistas para que poidan mellorar. Conta cunhas 110 revistas aloxadas e máis de 9.000 usuarios rexistrados.
E en que consiste o Open Journal System (OJS)? Trátase dun sistema de administración e publicación de revistas e documentos periódicos (seriados) online. O sistema está deseñado para reducir o tempo e enerxía adicada ao manexo exhaustivo das tarefas que involucra a edición dunha publicación seriada. Este mecanismo permite unha xestión eficiente e unificada do proceso editorial, con isto búscase acelerar o acceso á difusión de contidos e investigación producido polas Universidades e centros de investigación produtores do coñecemento. OJS está a ser empregado por multitude de organizacións e universidades tanto privadas coma públicas a nivel internacional.