A FIC acollerá a finais de maio o Big Data Coruña 2017

mércores, 10 de maio do 2017 Redacción

Os vindeiros días temos unha cita na Coruña coa información inxente e coas ferramentas para xestionala, avaliala e mesmo tirarlle partido. Falamos de Big Data Coruña 2017, un evento previsto para os días 25 e 26 de maio na Facultade de Informática da UDC, en colaboración coa Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data, a Rede Española de Big Data e Análise de Datos Escalables e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC. As xornadas, que contarán coa asistencia de expertos de renome internacional neste ámbito do coñecemento a gran escala, fará fincapé nos xeitos máis eficaces de extraermos recursos de utilidade de toda a maré de información xerada a diario ao abeiro das redes e os sistemas TIC.
Segundo reflicte o CITIC, o Big Data é un dos eidos que máis interese está a espertar na actualidade, non só entre a comunidade académica, senón tamén entre as empresas, pola súa aplicación e a súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos. Ademais, engade o centro tecnolóxico coruñés, “as técnicas de análise de coñecemento a gran escala son un valor en auxe que transforma datos en información clara e eficaz, permitindo un coñecemento detallado sobre procesos, clientes, etc”. Analizar todos estes ámbitos será o cometido de Big Data Coruña.

PUBLICIDADE