A Fundación TIC organizou 600 actividades de divulgación e formación en 2013
martes, 25 de marzo do 2014
Onte
aprobábase
a memoria de actividades levadas a cabo en 2013 polo Padroado da
Fundación TIC -dependente da Deputación de Lugo-
na cal se incluían máis de 600 accións superando un récord,
segundo verbas do presidente do organismo provincial e da TIC, José
Ramón Gómez Besteiro. O mesmo presidente salientou que en 2013 se
mantivo a gratuidade da matrícula por sexto ano consecutivo (agás
para os repetidores) facéndose un esforzo en bolsas de inserción
laboral. En cifras: 39 titulados da Escola de Imaxe e Son accederon
ao mercado de traballo como bolseiros, ficando algúns deles
incorporados ao cadro de persoal das empresas.
Asemade,
na dita reunión
o Padroado aprobou a conta anual do exercicio 2013 cun grao de
execución do 98,12% do orzamento, que ascendeu a 1.777.455 euros, e
o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. A esta
cantidade hai que engadirlle 1 millón de fondos europeos para o Plan
de Promoción da Autonomía das Persoas Maiores da Provincia que
xestionou a TIC a través dunha encomenda da Deputación.
Na
xornada de onte tamén houbo lugar para as
novidades, subliñando o Presidente provincial “a emisión en
directo por internet de actividades promovidas pola Deputación e
organizacións coas que colabora a TIC, a través de streaming”.
Estas prácticas dos alumnos fixeron posíbel ver en directo e
íntegras todas as sesións plenarias da Corporación e dar unha
meirande proxección a actividades desenvolvidas na provincia como o
Foro
de Redes Sociais # InLugo,
os tres días do Resurrection
Fest
de Viveiro, os Campionatos
de Baristas de Foz
ou o Concurso
Lucus Intercentros.
En
canto ás prácticas, dicir que o pasado ano aumentaron até 81
o número de acordos con senlleiras empresas a nivel nacional, que
colaboran coa TIC como socios ou partnerships.
A gravación e realización da Gala
Lucus Moda (emitida
en V Televisión), ou a gravación e montaxe de 8 programas para
Telelugo (Decomprax),
son algúns exemplos de traballos realizados por alumnos de
prácticas. Dentro do seu modelo educativo, a Fundación “tamén
apostou pola cultura do emprendemento, aportando as ferramentas e
formación precisas para que os alumnos creen os seus propios
proxectos, como foi o I
Festival Itinerante de Balcóns Sonoros
(FIBES)”, engadiuse.
De
falarmos de convenios, cómpre sinalar que aumentouse
nun 15,7% o número de convenios de colaboración con ONG’’s,
asociacións culturais e deportivas e empresas TIC da provincia. Polo
que se refire á promoción da cultura, o deporte e o turismo, a
Fundación elaborou traballos audiovisuais que foron difundidos a
través de axencias de novas nacionais, xornais dixitais e canles de
televisión e emisoras de radio. As feiras de artesanía da
Pontenova, Ferreira de Guntín e Parga e as festas da Faba de
Lourenzá, As San Lucas de Mondoñedo, a do Queixo do Cebreiro e a do
Viño de Amandi son só algúns exemplos.
Engadir,
por último, que a
Fundación emprestou apoio técnico a Concellos e entidades públicas
e privadas para accións vinculadas ao sector multimedia, como
xornadas e conferencias nos salóns de actos e de plenos, ou no
Centro de Artesanía e Deseño. E, coa finalidade de que os lucenses
coñezan de preto á entidade, en 2013 potenciouse o contido das
visitas didácticas ás instalacións da Fundación, nas que arredor
de mil alumnos e profesores de centros educativos da provincia
fixeron as súas propias prácticas audiovisuais cos Ticodiarios,
consolidándose
a xornada de portas abertas Abertic.