A Guadec Hispana da Coruña chega ao seu remate con relatorios de CENATIC, Igalia ou GPUL

venres, 23 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Asistentes ao congreso fotografados por Alberto García

A edición galega da Guadec Hispana chega hoxe pola tarde á súa fin cun acto de clausura que reunirá no salón de actos da Facultade de Informática da Coruña aos presidentes de GNOME-Hispano e GPUL, José Ángel Díaz e Francisco Javier Tsao, respectivamente. O congreso, que dende este xoves está a reunir na devandita Universidade galega a preto de cen especialistas en programación aberta procedentes dos eidos español e luso falante, desenvólvese a través dunha completa serie de relatorios, exposicións e mesas redondas acerca do presente e o futuro do proxecto GNOME, un proxecto colectivo que promove a universalización dun escritorio útil e accesbile a través do software libre. Previamente ao acto de clausura, que se celebra ás 20.00 e que contará coa presenza do decano de Informática (Alberto Valderruten), está previsto que se presenten traballos innovadores despregados por varias empresas ligadas á programación aberta.
Como a galega Igalia (representada no evento por Alejandro Piñeiro, quen falará de cómo pode empregarse GNOME para mellorar a accesibilidade ás TIC das persoas con diversidade funcional), OpenShine (representada por Roberto Majadas) ou Lanedo (Carlos Garnacho). Asemade, o evento tamén dará acubillo a un relatorio impartido polo coordinador tecnolóxico da Fundación CENATIC (entidade do Goberno para a promoción do código aberto), José Ángel Díaz, co-responsable entre outros proxectos da iniciativa de alfabetización tecnolóxica de Estremadura ao abeiro do proxecto Linex.