A Internet das Cousas e a placa Raspbery Pi centran hoxe unha charla da GPUL School na FIC
martes, 3 de decembro do 2019
Hoxe temos un encontro na Coruña cos obxectos conectados e co
software-hardware máis accesíbel, económica, técnica e
tecnoloxicamente, para converternos nós mesmos en impulsores e
desenvolvedores de obxectos conectados. A
charla Internet das Cousas e Raspberry Pi desenvólvese este
martes na Facultade de Informática da UDC en horario de 18.30 a
20.00 horas, na aula 3.2. Vén da man do Grupo
de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con centro de operacións
na FIC, e abéirase ao seu programa de actividades de divulgación e
participación GPUL School.
Nesta
sesión, o grupo explicará os puntos clave sobre os procesos para
configurar o microordenador Raspberry Pi e sobre como conectarlle e
usar diversos sensores (por exemplo, un sensor de presenza).
A
charla, que xa ten medio cento de asistentes confirmados, será
impartida por Javier Vila, de Marine Instruments. Xirará arredor das
posibilidades da placa de baixo custe Raspberry Pi para dar forma a
proxectos innovadores de domótica e centros multimedia, de maneira
sinxela e rápida.
A
GPUL School complementarase en breve con outra interesante sesión, a
charla OK Google, que opinas de pagar para que o buscador te espíe
na túa casa?, que se vai celebrar no mesmo emprazamento o
vindeiro 17 de decembro, ás 18.30 horas, da man de Pablo Castro, de
Arengu.