A Memoria Dixital de Galicia dálle un novo pulo á conservación dos nosos fondos
venres, 3 de agosto do 2018
- Presentación das doazóns feitas polo Pazo de Pardiñas
Esta
semana a Consellería de Cultura e Educación deu a coñecer un novo
e importante traballo de recuperación documental ao abeiro do
Arquivo de Galicia (emprazado na Cidade da Cultura) e o portal
Galiciana.gal. Estamos a
falar dos vindeiros traballos de conservación e divulgación do
fondo documental do Pazo de Pardiñas, en Lalín. Na presentación
dos traballos, amais do conselleiro Román Rodríguez (que informou
da posta en marcha dunha liña de axudas para a dixitalización de
fondos), participaron os membros da familia López López,
propietaria do dito inmóbel e responsábel da doazón. Esta
implicará a posta a disposición da cidadanía e dos investigadores
do legado arquivístico do pazo, até o de agora inédito.
Rodríguez
lembrou que “nestes intres os fondos do Arquivo de Galicia están
conformados por 163.840 caixas que ocupan un volume de 18.857,89
metros”. Tamén destacou que as contribucións privadas representan
aproximadamente un 1% sobre o total de fondos e que a doazón do Pazo
de Pardiñas é a primeira proporcionada por unha entidade pacega ao
Arquivo de Galicia.
Román
Rodríguez salientou, ademais, que o departamento que dirixe acaba de
poñer en marcha unha liña de axudas para a dixitalización de
fondos patrimoniais, dirixida a entidades públicas e organizacións
privadas sen fins de lucro e que conta cun orzamento total de 800.000
euros. Esta actuación enmárcase na iniciativa Memoria Dixital de
Galicia para “promover a conservación do fondo patrimonial galego
e para facilitar o seu acceso universal”. Isto, engadiu, garántese
a través do portal www.galiciana.gal,
posto en marcha o pasado mes de decembro “co obxectivo de
consolidarse como a porta de paso a todos os fondos dixitais das
bibliotecas, arquivos e museos de Galicia”, declarou.
Volvendo
á achega do Pazo de Pardiñas, emprazado en Santa María de Noceda,
en Lalín, trátase dun importante patrimonio documental que traza un
percorrido por cinco séculos de historia da comarca do Deza e, en
boa medida, do conxunto de Galicia. Máis polo miúdo, o fondo foi
producido polos diferentes membros da familia desde a orixe do pazo,
no século XVI, até 1942, e conforman un volume de 12 unidades de
instalación. Os documentos están relacionados coa adquisición ou
administración de propiedades (testamentos, árbores xenealóxicas,
escrituras de compravenda e de doazón, memorias de bens, escrituras
de partilla, apeos e prorrateos de bens, preitos...) tanto nas
comarcas de Deza e Trasdeza como en terras do Ribeiro.