A Mesa lanza críticas contra Movistar polos trece anos de desleixo ao galego da súa web
luns, 22 de abril do 2013
- Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística nunha imaxe de Sermos Galiza
Movistar e o grupo ao que pertence, Telefónica,
desenvolven importantes labores de achega de servizo e infraestrutura
na nosa terra pero este traballo, por desgraza, non semella vir
acompañado dunha atención análoga pola lingua galega. Así
nolo recordou os días pasados A Mesa pola Normalización
Lingüística, que vén de pór de manifesto o desleixo de
Movistar ante o noso idioma con respecto á
web de seu, grave baleiro comunicativo que, malia que esteamos a
falar dunha nova páxina, xa vén de antigo e tamén existía nas
anteriores versións. De feito, segundo informa a asociación que
dirixe Carlos Callón, a non inclusión do galego na páxina
remodelada incumpre unha promesa feita por Movistar á Mesa hai xa
cinco anos. A entidade en defensa do galego denuncia que “a
burla de Movistar vese con maior claridade cando observamos como
acaba de renovar a súa páxina web e esta só está dispoñíbel en
castelán e catalán”.
Para a asociación,
o caso é aínda máis grave se temos en conta que non estamos a
falar dunha empresa acabada de chegar e que aínda require dun tempo
para optimizar os procesos de comunicación e adaptalos de maneira
axeitada ao país no que desenvolve o seu labor, realmente do que
estamos a falar é dunha empresa moi experimentada, que dispuxo de
tempo de abondo para coñecer e aceptar certas realidades culturais.
Así, sinala A Mesa, malia terse gabado en repetidas ocasións das
grandes vantaxes da comunicación en liña, “Telefónica
sempre descoidou a súa atención web fronte á atención
presencial ou telefónica no que atinxe aos idiomas”. Xa desde
o ano 2000 e coa súa páxina TelefonicaOnline, lembra a plataforma
galega, Telefónica só incorporou o castelán e o catalán como
linguas únicas en que o web se podía consultar. “Trece anos
despois, a páxina actual de atención ao público, Movistar,
continúa só nestas dúas linguas”, engade. Para A Mesa pola
Normalización Lingüística non pode haber calidade na atención á
usuaria ou ao usuario nin unha boa experiencia das persoas
galegofalantes “se non temos nin tan sequera a opción de
recibirmos a información na nosa lingua”. É por iso, polo
que, “para acadarmos o respecto que nos merecemos como galegas e
galegos”, A mesa propón á cidadanía que fagan chegar a súa
queixa á empresa e a a que lle dean forza no Twitter a través da
etiqueta #MovistarPáxinaEnGalegoXA.