A OSLUC presenta a interface principal do NetBeans traducida ao galego
luns, 8 de xuño do 2009
O punto forte do software libre é exactamente o contrario do punto forte do privativo. Onde no primeiro se desvela a cadea de segredos poñendo os elos sobre a mesa, no segundo, colocándose unha mínima parte ou ren, perpetúase ese coñecemento en réxime privado que é o principal valor de cambio. En consecuencia, o valor do software libre semella estar en relación coa cantidade de xente convocada para desenvolvelo. Como reflectimos nesta mesma web hai uns días, Compostela acolleu recentemente na ETSE da Universidade de Compostela unha experiencia colectiva (na imaxe) que fixo visible o que decote ten lugar na Rede sen que se obteña unha foto fixa: un proxecto de tradución colectivo, neste caso concreto do programa aberto IDE NetBeans, contorno de desenvolvemento de programas abertos, ao galego. Segundo nos informa Fran Diéguez dende a Oficina de Software Libre da USC (organizadora do evento, chamado de xeito explicativo Fiadeiro de Localización de Software Libre), o traballo colectivo de tradución resultou ser un éxito participativo e, en consecuencia, de obxectivos: conseguiuse o fin xenérico de espertar interese sobre este tipo de iniciativas entre estudantes (poñéndose a semente dunha comunidade de tradución arredor deste IDE) e o fin específico de pasar ao galego a interface principal do devandito NetBeans.
Por certo que para quen estea interesado en empregar o resultado do traballo, a Oficina informa de que xa está dispoñible para a súa descarga, o que lle achega ao internauta a última versión de NetBeans xunto coas últimas traducións que todos os colaboradores e colaboradoras levan desenvolvido.
Segundo engade a Oficina na súa web, despois dos procesos de revisión, as gañadoras do premio Máis e mellor (recoñecementos ás achegas máis completas ao dito Fiadeiro) resultaron ser Alejandra Mosquera Gómez (Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas) e Rocío Alonso Ramudo (Historia da Arte). Ámbalas dúas recibirán un diploma e máis 200 euros como recoñecemento económico ao traballo que realizaron. Podemos atopar mais información do fiadeiro no Cartafol da USC, así como a entrevista que nos fixeron aos organizadores do fiadeiro.
Informar de que está previsto quen en breve Sun Microsystems lance a versión final do IDE Net Beans coas contribucións galegas postas en xogo durante o Fiadeiro, entre as que están o IDE completo, o módulo de desenvolvemento de Ruby, instalador e a maior parte dos módulos de programación en C/C++, Java, e Servizos Web. Con todo, dende a Oficina sinalan que o traballo non está listo e que aínda queda moito por cubrir: as tres cuartas das 67.000 cadeas únicas coas que conta o proxecto completo. Porén, tendo en conta a importante resposta atopada na comunidade universitaria (e tamén no Servizo de Normalización Lingüística), o departamento da USC confía chegar en breve ao final do traballo.
