A Oficina de SL das Universidades Galegas expón os porqués de estarmos á cabeza do Estado en software libre nos campus

venres, 18 de outubro do 2013 Redacción

Marcos Fernández e Rafael Rodríguez, na sede da Oficina na Universidade da Coruña

Recentemente os responsábeis de PortalProgramas.com presentaron a súa edición do seu Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL), un estudo no que saen especialmente ben paradas as nosas institucións educativas superiores, tal e como sinalamos en Código Cero este mes de maio, facendo fincapé no posto acadado pola Universidade da Coruña (o terceiro), seguida da de Santiago (no sexto) e a de Vigo (no noveno). Logo da presentación do estudo, como é lóxico, viñeron a análise e a procura de máis información complementaria que responda aos porqués do compromiso especialmente firme dalgunhas universidades polo código aberto. Froito desta investigación posterior é a interesante entrevista que reproducimos a continuación, feita por Carlos Cruz (membro do Observatorio de PortalProgramas) a Rafael Rodríguez Gayoso, coordinador da Oficina de Software Libre das Universidades Galegas. Lembrar que a nosa Comunidade é a segunda, arestora, na listaxe de Comunidades que apostan pola programación aberta.
A entrevista, que tivo un paso previo no coloquio mantido entre o dito portal e Juan Julián Merelo Guervós (director da Oficina de Software Libre da Universidade de Granada, primeira clasificada no RuSL por segundo ano consecutivo), céntrase en boa medida en avaliar o traballo despregado pola dita oficina galega, o órgano universitario de promoción do software libre que centraliza os recursos das tres universidades de Galicia (a Universidade da Coruña, a de Vigo e a de Santiago de Compostela), e que se insire dentro do Consorcio de Universidades Galegas. O RuSL deste ano semella reflectir que o traballo desta OSL (común para as universidades galegas) fornece o efecto desexado, xa que as tres universidades escalaron posicións notábelmente respecto ao ano pasado. A de Vigo atópase na novena posición, a de Santiago de Compostela tres postos por enriba (nun sexto lugar) e a Universidade da Coruña, na que se centra en boa medida a entrevista, ostenta unha merecida terceira posición no podio da listaxe.
Lembrar que Rodríguez Gayoso é membro activo da comunidade de software libre galega, e presidente da asociación de usuarios de GNU/Linux MeLiSA. Salienta a formación e promoción do software libre como a mellor canle para a difusión do coñecemento aberto, fronte a políticas institucionais impositivas.
-A Oficina de Software Libre das Universidades Galegas é un organismo centralizado e inserido no Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria. Que beneficios se poden obter dunha OSL compartida e centralizada?
-O feito de integrar a OSL entre as tres universidades galegas axuda a aproveitar as mesmas actividades de difusión entre as universidades, co aforro en recursos que supón isto. Por exemplo, ofértanse cursos para formar ao persoal PAS (Persoal de Administración e Servizos) das tres universidades a xeito de teleformación.
-Mantería a mesma efectividade unha OSL compartida por máis universidades españolas? Considerades que o modelo da OSLUG é exportable a outras Comunidades Autónomas?
-Por suposto que o modelo podería integrar a máis universidades, dado que moitas actividades de difusión poden ser reempregadas. Non cremos que o modelo galego sexa exclusivo ou diferente ao de calquera outra comunidade española. Consideramos que o modelo da OSL das Universidades Galegas pode ser perfectamente exportable ao resto do territorio nacional.
-A UDC conta cun gran apoio institucional para o fomento do Software Libre, que medidas e políticas institucionais salientariades?
-A UDC vén apoiando sistematicamente todas as accións de promoción do software libre, con cesión de infraestruturas e soporte económico ás asociacións de estudantes, como GPUL, que leva en funcionamento desde 2008 e realiza un gran número de eventos de promoción e formación. A UDC optou pola vía da formación e a promoción para a difusión no canto da imposición mediante políticas institucionais. Unha das accións máis salientadas é a introdución de probas de software libre nas probas de acceso do persoal de administración e servizos. Arestora, a colaboración coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) vai facer máis doado o labor de promoción.
-O compromiso da UDC co software libre vai alén do campus, por exemplo, con eventos de asesorías a empresas e convenios de prácticas con empresas de software libre. Considerades que o tecido empresarial galego se amosa a prol de adoptar ferramentas de código aberto e licenzas libres?
-A OSL colabora de maneira activa con AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre), e a relación entre as empresas asociadas e as universidades é moi estreita. De feito, gran parte das mesmas nacen de proxectos con base universitaria. Os últimos estudos en materias de presenza de programación aberta nas empresas (desenvolvidos polo OSIMGA) indican que a presenza de aquela é cada vez maior no tecido empresarial galego que se caracteriza por unha grande importancia presencial na PEME. Un 73,9% das empresas de Galicia empregan o software libre, e no sector tecnolóxico esta cifra sobe ao 82%. Estes estudos tamén achegan datos indicando que as principais causas para non empregar software libre (da escasa porcentaxe de empresas que non o usan) parten do descoñecemento, a falta de información ou o risco percibido ao cambio. Desde a Universidade, como formadores dos futuros profesionais, podemos afirmar que os futuros e actuais egresados están formados para dar soporte e desenvolver en tecnoloxías abertas, e isto debe ser percibido así polas empresas. Por exemplo, na Facultade de Informática, a maior parte da docencia realízase sobre tecnoloxías abertas e en contornas de programación libres. O software libre non é só o futuro, ten pasado e xa está presente en todas partes.
-A UDC salienta tamén polos seus elevados índices de colaboración interna e externa. É o software libre un eido especialmente ligado á colaboración? Os grupos de investigación da UDC adoitan traballar coordinados? Valorades algunha distinción entre colaboracións nacionais e internacionais?
-Na UDC, e en particular na Facultade de Informática, existiu unha traxectoria de colaboración natural en proxectos libres. No eido académico sempre se fomenta a colaboración en equipos multidisciplinares e a realización de proxectos en colaboración internacional. Cando os ámbitos de investigación están aliñados co desenvolvemento de proxectos libres permiten unha contorna tecnolóxica de colaboración natural cos diferentes actores existentes a nivel mundial. Así mesmo, as estancias de investigación, os congresos académicos e os proxectos de investigación fomentan esta relación de colaboración. Ao ser o SL un ámbito internacional por natureza, non ten sentido fixar distincións entre unha colaboración con outras entidades en base á nacionalidade das mesmas, xa que o que se valora é o código, e a lingua franca para todos é o inglés. En canto á participación en comunidades de software libre ou a liberación dos proxectos nos que participan cadanseu grupo de investigación, é autónoma, e non nos consta que haxa unha coordinación especial nesta materia. É importante -ao falarmos do estudo do SL- considerar as vantaxes que achega a súa facilidade de colaboración externa, xa que permite acceder dun xeito sinxelo e natural ao coñecemento do que non se dispón na institución. Desta maneira é máis doado estarmos actualizados e coñecermos os últimos avances en tempo real seguindo as listaxes de correo dos proxectos nos que se colabora ou se empregan nas nosas investigacións. En relación das actividades desde a UDC, considerámonos unha contorna aberta para a difusión do coñecemento e sempre colaboramos na medida do posible cos organizadores dos eventos.
-Que recepción teñen os cursos de formación en software libre para PAS e PDI? Hai diferenzas nas demandas de formación por parte destes dous colectivos?
-Tanto o PAS coma o PDI da UDC participan de xeito activo nestes cursos de formación, hai unha gran demanda de participación nos mesmos e as enquisas de satisfacción indican que os aproveitan e agradecen moito. Non vemos distinción en canto a PAS ou PDI (Persoal Docente e Investigador), aínda que estes últimos adoitan requirir formación máis especializada.
-A UDC forma parte da iniciativa OpenCourseWare, aínda que non conta expresamente cunha sección OCW de cursos docentes abertos ao público. Expúxose a súa incorporación? Existe algunha plataforma alternativa para achegar cursos abertos na Universidade da Coruña?
-A día de hoxe estase traballando en incorporar contidos a esta iniciativa, gran parte deles atópanse na plataforma de televisión (UDCTv) e no módulo de openmeeting inserido con Moodle. A nivel particular, algúns PDIs atópanse inmersos en diversos proxectos de difusión do coñecemento aberto.

PUBLICIDADE