A RAG pon en YouTube e na súa web o curso sobre Fernández del Riego

luns, 4 de setembro do 2023 S. P.

Este luns 4 de setembro inaugurouse o curso Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, impulsado pola Real Academia Galega (RAG), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Concello de Lourenzá co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación de Lugo, entre outras entidades. As xornadas, que forman parte da oferta de cursos de verán da universidade compostelá, desenvolveranse até o mércores 6 de setembro en Lourenzá, vila natal do homenaxeado nas Letras Galegas 2023. As sesións poden seguirse en directo a través da web da Real Academia Galega e, tamén, a través da canle da institución en YouTube.
No acto de apertura do curso participaron (entre outros) o presidente da RAG, Víctor Freixanes, o reitor da USC, Antonio López, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o deputado lucense Francisco Cajoto e a rexedora de Lourenzá Rocío López, amais do vicesecretario da Real Academia Galega e director do curso, Henrique Monteagudo. A xornada inaugural rematou co relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental do homenaxeado nos seus últimos tres anos de vida.
A xornada continua este martes pola mañá cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda Da República á resistencia, que contará co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán e o investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) Pablo García Martínez. A mañá rematará coa conferencia do director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega. Seguindo este fío condutor, o programa da tarde arrancará coa intervención do académico Xesús Alonso Montero, centrada na correspondencia entre Fernández del Riego e o artista Luis Seoane, e rematará cun percorrido didáctico polos lugares do autor en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.
A intensa actividade epistolar de Del Riego será tamén o punto de partida da xornada do mércores 6 cunha mesa redonda que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero. Nesta, analizarán polo miúdo o valor das cartas que o autor intercambiou con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo.
A seguinte mesa redonda centrarase na relación entre a memoria, o ensaio e a paisaxe na obra de Del Riego e nela tomarán a palabra a académica de número María López Sández, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, o académico Ramón Nicolás e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo.
O punto e final a tres días de xornadas porao unha terceira mesa redonda que, centrada na participación de del Riego na xeración Galaxia, contará coas contribucións do profesor de Filosofía da USC Xosé Luís Pastoriza, o investigador do Instituto da Lingua Galega Álex Alonso Nogueira e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.

17 horas e 30 participantes

O curso de verán ten como obxectivo “analizar a traxectoria, a obra e achegar a figura de Francisco Fernández del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor nos contextos históricos”. O programa ten unha duración de 17 horas e participan 30 persoas. A programación inclúe mesas redondas, testemuñas e un paseo.

Luns, 4 de setembro
17.00 h.: Inauguración do curso
17.30 h.: Francisco Fernández del Riego na Real Academia Galega. Víctor F. Freixanes
18.30 h.: Unha traxectoria ao servizo de Galicia. María Dolores Villanueva Gesteira
Martes, 5 de setembro
09.30 h.: Francisco Fernández del Riego na II República. Anos de formación política e intelectual. Justo Beramendi
11.00 h.: Mesa redonda: Da República á resistencia
12.30 h.: Francisco Fernández del Riego e a diáspora galega en América. Ramón Villares Paz
16.30 h.: O epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Luís Seoane: diálogo entre o exilio exterior e o exilio interior. Xesús Alonso Montero
18.00 h.: Percorrido: Francisco Fernández del Riego e Lourenzá
Mércores, 6 de setembro
10.00 h.: Mesa redonda: Epistolario, amizades e redes
12.00 h.: Mesa redonda: Memoria, ensaio, paisaxe
16.30 h.: Francisco Fernández del Riego na editorial Galaxia, na Fundación Penzol e na revista Grial. Xosé Manuel Soutullo
17.30 h.: Mesa redonda: Francisco Fernández del Riego na Xeración Galaxia
19.30 h.: Acto de clausura

Vídeos do curso Francisco Fernández del Riego