A RAGC e a Deputación de Pontevedra impulsan a canteira científico-tecnolóxica galega
mércores, 16 de novembro do 2022
- A catedrática de Microbioloxía da USC e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo
A
Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra
poñen en marcha o segundo bloque do III
Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, dirixido a
alumnado de Secundaria e Bacharelato, coa finalidade de “achegar a
ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis
nova”. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de
Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC
Alicia Estévez Toranzo. Este 17 de novembro celebrarase a primeira
das charlas no IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis.
Alumnado
de 2º de Bacharelato Científico asistirá á charla Tris-Tras,
coas Matemáticas o terás, que versará sobre a transcendencia
das matemáticas na sociedade actual. Mª Victoria Otero Espinar,
catedrática de Análise Matemática da Universidade de Santiago e
vicepresidenta da Real Sociedade Matemática Española, destacará a
súa presenza en boa parte do que nos rodea na nosa vida cotiá.
“Son
moitos os avances científicos e tecnolóxicos que dependen das
matemáticas”, avanza a investigadora, engadindo que “aqueles
constituen a base da seguridade informática e dos dispositivos de
imaxe médica como a tomografía computarizada ou a resonancia
magnética”. E engade: “Sen as matemáticas non habería
tradución automática, vehículos autónomos ou a decodificación do
xenoma humano. Grazas ao uso de modelos matemáticos podemos entender
as dinámicas de poboacións, comprender e controlar a propagación
de epidemias ou analizar os riscos dos perigos naturais (inundacións,
terremotos, incendios, furacáns...), o que axuda a prepararse con
antelación, reducindo o risco de catástrofes”. Amais, explica,
“as matemáticas permiten comprobar a autenticidade de obras de
arte, describir a evolución dos negocios dunha empresa ou predicir o
desenvolvemento de células nai”. En relación á arte, remarca que
“as matemáticas inspiran a artistas e músicos: simetrías,
fractais, curvas xeométricas, superficies e formas, patróns,
escalas e sons na música...”. E destaca que os matemáticos e
matemáticas están a traballar tamén no desenvolvemento de
videoxogos ou na creación de películas animadas; e no deporte para
deseñar estratexias de equipo no fútbol, baloncesto... e para tomar
decisións durante as carreiras ou para conseguir coches máis
aerodinámicos na Fórmula 1.