A RAGC entregou os seus premios anuais e enxalzou o talento galego na comunicación científica
mércores, 21 de xuño do 2023
A Real Academia Galega de
Ciencias (RAGC) celebrou na tarde deste mércores 21 de xuño, no
Pazo de San Roque de Santiago, o acto de entrega dos Premios á
Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo
Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica
2023; convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación
(GAIN) da Xunta de Galicia.
O
evento contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema; o
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a
directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey;
o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e a vicerreitora
de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo,
Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.
Na
súa intervención, o presidente da RAGC indicou que “a Academia
recoñece con estes premios un tipo de investigación de carácter
orientado que dá lugar á creación ou mellora de actividades
empresariais. Temos tres exemplos moi bos de traballos de
investigación que son de interese para transferir ou que xa foron
transferidos e espertaron o interese da comunidade científica.
Recoñecemos ademais a transferencia á sociedade dos resultados
científicos por medio da divulgación tanto xornalística como de
divulgadores non profesionais”.
Pola
súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de
Galicia, Patricia Argerey, destacou “o importante papel que
desempeña a transferencia de coñecemento na transformación da
ciencia excelente que se realiza na nosa Comunidade en
competitividade económica e benestar social”. Neste senso, puxo en
valor o programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, impulsado
pola Xunta de Galicia dende 2016 para apoiar a chegada ao mercado dos
resultados das investigacións realizadas nos centros de coñecemento
e no que participaron os tres proxectos premiados. felicitou tamén
ao IES Rosalía de Castro polo seu compromiso no fomento das
vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado e a divulgación
da cultura científica entre a sociedade.
Os galardóns
Os
Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden tres
categorías, premiadas con 6.000 euros cada unha. O Premio
Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada
recaeu no proxecto de desenvolvemento dun fármaco innovador contra o
cancro de colon metastático dun equipo do Instituto de Investigación
Biomédica da Coruña (INIBIC) liderado por Angélica
Figueroa. A investigadora principal agradeceu á Academia este
galardón, salientando que “recoñece a nosa aposta por un proxecto
enfocado á transferencia de coñecemento á sociedade e parécenos
importantísimo que desde as institucións se valore o esforzo nesta
dirección. Os premios son sempre unha gran motivación para seguir
adiante e seguiremos apostando pola transferencia desta tecnoloxía,
co fin de poder axudar aos pacientes con cancro”. O equipo está a
desenvolver un fármaco deseñado especificamente contra unha diana
terapéutica, a proteína Hakai, co fin de inhibir a progresión e a
metástase do cancro de colon. Ademais, aseguran que este fármaco
podería desenvolverse para abordar outros tipos de carcinomas.
O
Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de
transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o
Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación
en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago,
coordinado por Alberto Bugarín. Desenvolveu unha tecnoloxía en
minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a
nivel mundial, proceso que culminou coa creación en 2020 da nova
firma InVerbis Analytics, integrada na actualidade por un equipo de
20 persoas. “A minería de procesos é unha disciplina da
Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de
datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos
procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia,
posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital
nos sistemas de información das empresas”, explicaron, subliñando
o seu agradecemento por unha distinción que reivindica dúas liñas
de investigación en IA “moi consolidadas no noso grupo, que tratan
temas de gran impacto e actualidade: a minería de procesos e a
xeración de linguaxe natural. E estamos tamén moi satisfeitos
porque en ambos casos trátase de resultados propios que comenzaron
como investigación básica”.
O
Premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito
de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa
Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off
biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica
Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de
Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase
na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo grupo
para mellorar a distribución e liberación de moléculas
terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos
fármacos.
Unha
das fundadoras da empresa, María de la Fuente, salientou que “este
premio recoñece o traballo que levamos realizando nos últimos dez
anos, nos que desenvolvimos un novo tipo de nanosistemas coa ambición
de poder contribuír ao descubrimento de medicamentos innovadores
para dar resposta a necesidades médicas non cubertas. Motívanos
para seguir a traballar polo avance da ciencia e a tecnoloxía en
beneficio da sociedade galega”.
Tamén
se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas,
que foi para a reportaxe La revolución silenciosa de los
informáticos da xornalista Mila Méndez Otero (Sanxenxo, 1984),
publicada en La Voz de Galicia, que aborda a concentración de
empresas do sector TIC na Coruña e a súa área de influencia. A
xornalista recibiu unha dotación de 3.000 euros. Na súa
intervención, a galardoada salientou que “é unha honra recibir
este premio, que leva o nome dunha das pioneiras da ciencia en
Galicia, a coruñesa Celia Brañas. Ela defendeu a dotación de
medios para a investigación na nosa comunidade, unha reivindicación
que temos que seguir realizando hoxe os medios de comunicación,
porque sen ciencia non hai progreso. E, para iso, son necesarios os
esforzos por dar a coñecer o que se fai nos laboratorios, non só
nos das universidades ou institucións científicas, tamén nos do
noso tecido produtivo”.
Ademais,
outorgouse un accésit á reportaxe Explorar el poder
curativo de la música de José Luís Jiménez Díaz (Huelva,
1981), publicada en ABC. Céntrase no proxecto Sensogenomics,
desenvolvido por un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria
de Santiago (IDIS), que estuda o potencial terapéutico da música. O
galardoado recibiu 1.000 euros. “Es un orgullo recibir este
reconocimiento de la RAGC porque premia una manera de hacer
periodismo que en ocasiones no encaja con el ritmo de los tiempos que
atraviesa la profesión”, dixo.
Premio
de Divulgación Científica para o IES Rosalía de Castro de Santiago
Finalmente,
o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023 foi para o IES
Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, como centro pioneiro na
realización de actividades de divulgación científica. O seu
director, Xavier Mouriño, manifestou que “hai que interesar aos
rapaces e rapazas en investigación e ciencia. Este é un premio para
o alumnado do centro, que se está a implicar moito, e para o
profesorado, que os motiva e esperta a súa curiosidade, pero tamén
é un recoñecemento para todos os centros educativos de Galicia que
traballan por promover as vocacións científicas”.
Patricia
Argerey cualificou de “excelente” a ciencia que se desenvolve en
Galicia
No
acto tamén participou a directora da Axencia Galega de Innovación,
Patricia Argerey, quen destacou “o importante papel que xoga a
transferencia do coñecemento para transformar a ciencia excelente
que se desenvolve en Galicia en competitividade económica e benestar
social”. Por este motivo, dixo, “a transferencia de coñecemento
dos centros de investigación ao tecido produtivo constitúe unha
prioridade na política de I+D de Galicia, tal como recolle a
Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia”.
Para
afrontar este reto global e seguir mellorando o desempeño de Galicia
nesta materia, Argerey puxo en valor “o programa Ignicia, impulsado
pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié co
obxectivo de apoiar a chegada ao mercado dos resultados da
investigación que se realiza nos centros de coñecementos galegos”.
Argerey
lembrou que os tres proxectos e empresas premiadas nesta edición dos
Premios á Transferencia de Coñecemento en Galicia participaron ou
xurdiron directamente do programa Ignicia: o proxecto Canther da
Fundación Profesor Novoa Santos; a spin-off da Universidade
de Santiago de Compostela Inverbis Analytics; e a spin-off da
Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de
Compostela Diversa Technologies.
A
directora da Axencia Galega de Innovación tamén lembrou o papel
clave que desempeñan os medios de comunicación e os profesionais da
información na visibilización da ciencia que se realiza en Galicia
e na sensibilización social cara a ciencia e a tecnoloxía, en
referencia á premiada na oitava edición do Premio de Xornalismo
Científico Celia Brañas, Mila Méndez, e José Luis Jiménez, que
recibiu o accésit. Por último, a directora felicitou tamén ao IES
Rosalía de Castro polo Premio á Divulgación Científica 2023 e
subliñou o seu traballo a prol do fomento das vocacións
científico-tecnolóxicas entre o alumnado e a divulgación da
cultura científica entre a sociedade.