A Rúa estrea aplicación móbil para interactuar coa veciñanza
mércores, 24 de agosto do 2016
O Concello da Rúa vén de estrear unha nova
plataforma de interacción coa cidadanía. Trátase
da aplicación para dispositivos móbiles Smartville, unha
ferramenta que, como indica o seu propio nome, diríxese a afianzar á
veciñanza da vila ourensá nas utilidades e vantaxes das tecnoloxías
intelixentes para a xestión, a comunicación e a participación. A
aplicación, que se pode descargar tanto para trebellos iOS como para
teléfonos con sistemas Android, require unicamente dun breve proceso
de alta como usuarios e da selección de “A Rúa” como concello
de referencia. O obxectivo do Concello é “dar un paso máis no seu
modelo de transparencia” e achegar respostas o máis rápidas e
eficaces posíbeis ás demandas da veciñanza.
A intención do Goberno local foi facer unha
ferramenta móbil doada de empregar, sinxela e de estrutura simple,
amais de eficaz e útil. Ten catro apartados: Perfil d@ usuari@,
Noticias (con información actualizada do Concello semellante á
que se pode atopar na web municipal así como nas redes sociais da
Administración local); Iniciativas (onde a cidadanía pode
presentar propostas propias e o Concello pode pulsar a opinión
cidadá sobre distintos asuntos de interese) e Incidencias
(unha canle para que a cidadanía envíe directamente información
sobre avarías ou roturas de mobiliario urbano, xardíns, tránsito,
lixo, limpeza viaria, alumeado público, beirarrúas, auga... e
seguir en tempo real a súa resolución). Segundo sinalou a alcaldesa
María G. Albert, o último apartado, o de Incidencias, é “o
que supón un reto máis grande para A Rúa, sendo ao tempo o que
resulta máis importante e novidoso para o Concello”.
A aplicación, que se atopa agora mesmo en período
de probas, ten ademais información actualizada sobre o tempo e
ligazóns directas á web, Facebook e Twitter municipais.