A UDC organiza 3 cursos de software libre abertos a toda a cidadanía

xoves, 29 de setembro do 2011 Raquel Noya

A Oficina de Software Libre da UDC, na súa teima por difundir e promover o uso de ferramentas abertas entre a sociedade, facendo especial fincapé na comunidade universitaria, vén de anunciar a celebración de tres cursos de introdución ao uso de ferramentas libres, que se celebrarán ao longo dos vindeiros meses no campus de Elviña e aos que poderán asistir calquera persoa interesada no uso de ferramentas baseadas en código aberto.
Trátase de cursos de moita utilidade para o día a día das persoas asistentes, posto que estamos a falar das versións libres dun procesador de textos, dunha folla de cálculo e de programas de deseño e retoque dixital de imaxes; é dicir, de LibreOffice Writer, de LibreOffice Calc e dos aplicativos Gimp e Inkscape, respectivamente.
Os cursos formativos, que a UDC ofrece de balde, terán unha duración de 10 horas, e contan cada un con 10 prazas, que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición.
Por seren todos eles de carácter introdutorio ou de iniciación, non é preciso que os alumnos e alumnas asistentes teñan experiencia ou coñecementos previos para asistir a estes cursos, malia que é recomendable que, cando menos, teñan uns coñecementos mínimos a nivel usuario no manexo do sistema operativo GNU/Linux.
Os cursos teñen unha orientación eminentemente práctica, e neles, as persoas asistentes recibirán unhas pautas a seguir para conseguir os programas na Rede, instalalos e traballar con eles de maneira natural, aproveitando as vantaxes que ofrecen este tipo de aplicacións baseadas en códigos abertos.
O curso Introdución a LibreOffice Writer celebrarase do 24 ao 27 de outubro na Aula de formación Libre da UDC, en horario de 17:00 a 19:30 horas.
Introdución a Libreoffice Calc, pola súa banda, terá lugar do 14 ao 17 de novembro na mesma aula, en horario de 17:00 a 19:30 horas.
Por último, a Introdución ao retoque dixital e ao deseño gráfico con ferramentas libres celebrarase do 21 ao 24 de novembro en horario de 17:00 a 19:30 horas, na Aula Grande do Edificio CITIC.

PUBLICIDADE