A USC crea un software que prevé os riscos de aboar con zurro
martes, 7 de abril do 2009
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de
Santiago de Compostela vén de desenvolver unha ferramenta informática que
permite detectar unha acumulación elevada de metais pesados nos residuos
empregados nos prados, vulgarmente falando, os contaminantes no xurro.
O risco ambiental deste líquido que solta o esterco e que se
emprega a miúdo como abono agrícola, xa pode medirse mediante un software
informático desenvolvido baixo a coordinación do catedrático Enrique Roca
Bordello da ETSE de Santiago.
O obxectivo deste equipo de investigadores da USC era
establecer mecanismos no deseño dos plans de aboado (como criterio
complementario aos requerimentos de nutrintes) e, no caso de detectar unha
acumulación de contaminantes elevada, recomendar a sustitución do abono que se
está a empregar para evitar posibles riscos.
O paso final do proxecto (financiado polo Plan Galego de
I+D+i) foi o desenvolvemento do devandito software, para o cal, os investigadores
crearon unha serie de escenarios onde estudaron a posibilidade de empregar
zurro como abono nos prados nos que pasta gando vacuno.
Os científicos traballaron con datos procedentes dunha
cooperativa da provincia de Lugo e centráronse no risco derivado da presenza de
metais pesados no abono natural.
Segundo indicou o profesor Roca, estes metais poden
trasmitirse e acumularse no chan e, en consecuencia, “trasferirse ao gando a través do pasto, e ao home por medio da cadea
alimentaria”.
Para prever que isto suceda, os propios imperativos legais
esixen estimar os posibles perigos ambientais que poden derivarse das
actividades agrogandeiras e deseñar medidas que os eviten; uns requisitos que o
software galego axuda a cumprir de xeito doado.
Os investigadores da ETSE contaron para este proxecto (ademais de coas vacas lucenses, que fixeron o propio para proporcionar zurro dabondo) coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia, do CIS-Ferrol e de varios grupos da USC.
