A USC e a Deputación de Lugo expuxeron o amplo abano de beneficios das TIC para as persoas maiores
venres, 30 de xuño do 2023
A
Escola
Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC acolleu
esta semana as xornadas de transferencia Xerontecnoloxía e
Intelixencia Artificial. Aplicacións prácticas ao contexto do
ámbito xerontolóxico rural e urbano. A través
destes encontros, o Campus de Lugo quixo visualizar as actuais
contribucións tecnolóxicas da USC para a mellora da calidade de
vida das nosas persoas maiores. Por exemplo as propostas da
investigadora da área de Ciencia da Computación e Intelixencia
Artificial e profesora do grao en Robótica, Sonia Valladares
Rodríguez, que deu conta dalgunhas solucións creadas desde os dous
campus composteláns con múltiples aplicacións para a asistencia
xerontolóxica.
Valladares
aproveitou o relatorio de apertura deste evento, organizado polo
profesor da área de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC con
financiamento da Deputación Provincial de Lugo, para dar conta ante
os preto de medio centenar de asistentes dunha solución tecnolóxica
desenvolvida por ela mesma que consiste nunha sorte de robot capaz de
realizar diversas probas analíticas, procesar datos e transmitir
información detallada ao profesional médico. Esta aplicación,
relatou, “ofrece múltiples utilidades, dado que favorecer a
optimización de tempo e de procesos, ao tempo que permite analizar
un amplo abano de parámetros diferentes”.
Outra
das potenciais achegas tecnolóxicas para o ámbito da asistencia a
persoas maiores xerminadas desde o grao en Robótica da USC é unha
aplicación proposta nun TFG que conxuga tamén recursos de
Intelixencia Artificial e que pode resultar de utilidade para
favorecer a estimulación cognitiva e física para persoas afectadas
por dano cerebral, sinalou Sonia Valladares.
As
achegas tecnolóxicas trasladadas desde o ámbito universitario para
mellorar a atención e os coidados das persoas maiores centraron a
temática da primeira sesión dun foro que, segundo precisou o
profesor Carlos Dosil, pretende tamén poñer en valor e favorecer o
o coñecemento das distintas iniciativas postas en marcha ou en
proceso de aplicación por parte do tecido empresarial e tamén das
distintas administracións.
As
xornadas contaron tamén coa intervención de distintos responsábeis
da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do SERGAS, que deron conta
de diversas experiencias autonómicas de solucións tecnolóxicas e
atención á dependencia. Neste senso, o médico do SERGAS Ismael
Said, que coordina a sección de telemedicina da Sociedade Española
de Medicina Interna, abordou na súa intervención neste curso
algunhas das innovacións tecnolóxicas e dixitais aplicadas na
telemedicina.
O
xoves interviñeron nas xornadas Sergio Grandón, de Ibernet, cunha
exposición sobre as tecnoloxías dos coidados e o desenvolvemento e
integracións de solucións dixitais e tecnolóxicas para hospitais e
residencias, e o fisioterapeuta Pablo Campo Prieto, abordando
diferentes tecnoloxías de rehabilitación xeriátrica. O programa
tamén incluíu a lección maxistral Benestar socio-emocional e
novas tecnoloxías a cargo do presidente da Sociedade Galega de
Xerontoloxía e Xeriatría, José María Faílde Garrido.
Asemade,
contouse coa visión da Deputación de Lugo, a través do deputado de
Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen expuxo
o modelo de residencias da institución provincial implantado en
colaboración cos concellos. Na súa intervención, Rivera Capón
destacou “as infinitas posibilidades que as novas tecnoloxías, a
automatización e a intelixencia emocional abren no eido do benestar
e dos coidados ós nosos maiores”. Sen embargo, recalcou que na súa
aplicación, “é importante non confundir os medios e os fins”.
“As novas tecnoloxías permiten albiscar solucións que estarían
nas antípodas do que representan os nosos centros de maiores”.
Referiuse o deputado á posibilidade de empregar a Intelixencia
Artificial e os robots como substitutivos da compañía humana para
persoas que viven soas: “Evidentemente, as nosas residencias de
maiores parten do principio de paliar a soidade apostando polo
contacto humano, non por substituír este cunha aplicación
tecnolóxica”. Na actualidade, a Deputación conta con 9 centros de
atención de maiores, situados nos concellos de Trabada, Ribadeo,
Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia
de Suedaccion/arna e o recentemente posto en funcionamento en Ribas do Sil.
Salientou
que “a institución ten implantado un modelo de xestión dos
centros públicos, con atención personalizada, que favorece o
benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas
familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na
zona na que se implantan, pois crean emprego sustentábel no rural e
dinamizan a economía local, contribuíndo deste xeito a fixar
poboación”.
E
engadiu: “Rexeitamos o modelo imperante de grandes residencias de
100 ou máis prazas instaladas nos grandes centros de poboación.
Entendemos que esta atención masificada non se corresponde co que
precisan os maiores, e obrigalos a cambiar o seu entorno de
residencia para recibir atención é un erro”, subliñou Rivera
Capón.