A USC tivo unha importante contribución ao Plan Integral de Benestar Dixital

luns, 19 de xaneiro do 2026 S. P.

Usuaria de dispositivo móbil nunha imaxe de Santi Alvite (USC)

No grupo de persoas expertas que elaborou o Plan Integral de Benestar Dixital que vén de aprobar o Goberno galego tiveron un lugar destacado tres docentes da Universidade de Santiago especialistas na materia: a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e Coordinadora do Grupo de Investigación Atalaia da USC, Mª Dolores Fernández Tilve; o profesor del Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía Antonio Rial Boubeta, e o profesor da Facultade de Dereito Jose Julio Fernández Rodríguez.
Os tres achegaron a súa experiencia na elaboración do plan baixo o convencemento común de que a tecnoloxía debe ser unha “aliada” do desenvolvemento humano, “pero requirindo unha gobernanza compartida”.
Engaden que se ben a infancia e a adolescencia son hoxe xeracións plenamente dixitais (as novas ferramentas son xa parte inseparable da súa vida, pero tamén da súa identidade, dos seus procesos cognitivos e emocionais e das relacións coa súa contorna), non debemos esquecer nunca que “a tecnoloxía presenta enormes posibilidades educativas, pero tamén introduce novos desafíos que requiren acompañamento educativo”.
“O reto actual non consiste en decidir se debemos empregar tecnoloxías ou non, senón como facelo de maneira ética, consciente, segura, equilibrada e saudable, de modo que contribúan ao benestar integral dos menores”, explica Fernández Tilve, para quen a escola, as familias, as administracións públicas e a industria tecnolóxica teñen que actuar de forma coordinada para “garantir un ecosistema dixital, humanizado e respectuoso co medio e cos recursos”.
“É esencial fomentar a corresponsabilidade educativa para definir límites, tempos e usos e para intervir ante situacións de risco”. E con respecto ás familias, apunta a necesidade –“máis que nunca”-, de competencias parentais, “e neste senso os centros educativos teñen que traballar a parentalidade positiva”.
Toda vez que o plan está aprobado e que vai ser compartido a toda a comunidade educativa, o equipo da USC apunta que para que teña éxito debe haber unha coordinación “sólida” entre todos os axentes implicados da contorna socio-educativa. “O verdadeiro desafío está en que todos sexamos capaces de establecer unha folla de ruta común entre centros educativos, administracións, entidades sociais, profesionais sanitarios e o sector tecnolóxico”, aseguran.
Para chegar a toda a comunidade, o plan estrutúrase en cinco eixes, con obxectivos e actuacións especificas a desenvolver sobre os centros educativos, o alumnado, o profesorado e as familias: Sensibilización sobre os dereitos no eido dixital; Impulso dos centros educativos como contornas dixitais saudables; Promoción do uso seguro e responsable das TRIC (Tecnoloxías da Relación, da Información e a Comunicación); Coordinación e colaboración interinstitucional e Comunicación e proxección social.