A UVigo e a Área de Emprego promoven entre os estudantes a idea do vídeo-currículo
luns, 17 de xuño do 2013
Nestes
tempos nos que atopar o lugar axeitado de cadaquén (e como non,
atopar tamén o emprego perfecto) é tarefa case imposíbel, UVigoTV
e a Área de Emprego deciden botar unha man aos estudantes de último
curso da Universidade de Vigo
que van á procura do seu futuro. Pensando no contexto actual -rodeado de novas tecnoloxías- e no difícil intre que se está a
vivir, ateigado de competencia e coas posibilidades de oferta de
emprego reducidas, UVigo
TV
e a Área de Emprego pensaron nunha
nova estratexia de cara a amosar os puntos fortes de cadaquén,
de comunicar e de venderse dun xeito diferente, mediante un
vídeo-currículo. Con esta ferramenta porase á disposición dos
estudantes consellos de consultores, expertos e a experiencia dos
profesionais da televisión da Universidade.
Dicir
que esta nova proposta nace coincidindo coa remodelación da web de
UVigoTV,
na que se abren diferentes canles temáticas: a de emprego, a do
emprendemento, a dos vídeo-currículos,
a dos contidos relativos a Incuvi-Emprende, e outras sobre
habilidades e emprego e sobre competencias transversais. Engadir que
a actualización tanto estética coma tecnolóxica da páxina permite
que os máis de 9000 vídeos educativos e científicos dispoñíbeis
no portal se poidan reproducir en todo tipo de dispositivos,
empregando linguaxe html5.
Indo
ao vídeo-CV, pois unha vez que os estudantes teñan clara a súa
idea, o persoal de UVigoTv porá á súa disposición tanto o plató
multimedia
como as ferramentas tecnolóxicas precisas para a gravación. Serán
pezas de 2 ou 3 minutos a través das que o posíbel empregador
poderá coñecer a formación e experiencia do candidato, o seu
aspecto, a comunicación non verbal, como se expresa, se domina
idiomas (recomendándose falar un pouco na lingua en cuestión). Por
último, subliñar que esta proposta arrancaba con tres vídeos en
aberto, contando arestora a páxina con 13 vídeos, aínda que polo
de agora, de acceso restrinxido.