A UVigo impulsa a súa plataforma de busca de pisos
luns, 18 de xullo do 2016
Os responsábeis da web
da Universidade de Vigo que establece contacto entre propietarios de
vivendas con demandantes (estudantes) na busca de residencia para os
seus estudos veñen de facer reconto da actividade actual deste
taboleiro en liña de anuncios dixitais. Segundo fan saber, a bolsa
de pisos, unha iniciativa posta en marcha no curso 2013-2014 para
o alumnado dos tres campus da UVigo, oferta
arestora 150 pisos completos e 360 habitacións en pisos compartidos.
A isto cómpre engadir outras 20 vivendas destinadas ao aloxamento
en familias ou ao acollemento de estudantes en réxime de mobilidade
internacional.
A bolsa foi habilitada
pola SIOPE, a Sección de Información, Orientación, Promoción do
Estudante Voluntariado e Discapacidade. Segundo fan saber, o servizo
está a servir de moita axuda a un bo número de mozas e mozas
procedentes de fóra das cidades nas que se ten presenza a
Universidade de Vigo. O funcionamento da plataforma, sinalan, é
sobre todo de panel informativo. Cada ano, o SIOPE recibe entre 200 e
300 solicitudes de alta nesta plataforma por parte de estudantes e,
unha vez que teñen acceso a ela, o trato é directo entre os
propietarios e os demandantes. Este, explican, é o motivo polo cal a
Universidade no pode contabilizar cantos deses contactos rematan en
contrato de alugueiro.
Por certo que a
institución viguesa tamén lembra que boa parte desta actividade
internauta relativa á busca de vivenda tamén se desenvolve a través
do servizo Stukers, unha
startup posta en marcha por un grupo de titulados de
Administración e Dirección de Empresas e EnxeñarÃa Informática
da Universidade de Vigo que na actualidade xa opera en Galicia,
Madrid, Barcelona, Valencia, etc. A súa idea foi unha das gañadoras
dos Premios INCUVI Emprende 2014 e ofrece unha ampla oferta de pisos,
coa particularidade de que axudan aos seus usuarios non só a buscar
o mellor aloxamento adaptado ás súas necesidades, senón tamén os
mellores compañeiros para convivir.