A Universidade de Vigo lanza un grao pioneiro no campo das TIC
mércores, 16 de xuño do 2010
“Dar resposta ás necesidades
organizativas máis inmediatas dos axentes empresariais e do tecido económico da
provincia de Pontevedra” é o principal obxectivo que o equipo decanal da
Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo se marcou na súa aposta pola
implantación no centro dun novo grao en Consultoría
e Xestión da Información, un título que só a Universidade Autónoma de
Barcelona posúe actualmente e que en breve poderán disfrutar os alumnos e
alumnas da Universidade de Vigo.
Trátase duns estudos que comezarán a
impartirse no curso 2010-2011 e que contan cunha oferta inicial de 40 prazas
para formar a profesionais que sexan quen de optimizar os procesos empresariais
a través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Segundo informan dende o DUVI, “preto do 6 por cento dos postos de traballo
que se crean en España son para consultores”, xa que logo, o equipo decanal
da devandita Facultade leva dende hai un tempo traballando “cóbado con cóbado cos axentes empresariais da provincia para ser quen
de dar resposta ás súas necesidades organizativas máis inmediatas”, segundo
sinalou a decana do centro, María Elisa Alén. A titulación vén de ser
verificada pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación
(ANECA) e supón, segundo o equipo decanal da facultade, “unha aposta por unha formación de vangarda adaptada ás necesidades da
nosa contorna empresarial e económica”.
Este novo grao consta de 4
cursos que engloban un total de 240 créditos ECTS e que inclúen un programa de
contidos que vai dende a xestión empresarial e os sistemas de información e as
novas tecnoloxías ata a contorna empresarial, as técnicas cuantitativas e as
habilidades sociais e relacionais, todo isto sen esquecer o proxecto de fin de
grao que deberán elaborar os alumnos e alumnas para obter o título.
Elisa Alén explicou perante
os medios que estes estudos están especialmente dirixidos para todas aquelas
persoas que estean interesadas no mundo da empresa e as TICs, as cales adquirirán uns coñecementos
cos que serán capaces de optimizar os procesos empresariais a través das novas
tecnoloxías.
Os alumnos e alumnas que opten por estes
estudos para completar a súa formación converteranse en profesionais capaces de
combinar a especialización nas TICs cun amplo coñecemento sobre a empresa e as
súas diferentes áreas, e asemade, poderán desempeñar cargos directivos e de
administración en empresas, deseñar e xestionar sistemas de información de
organizacións, crear e xestionar empresas de base tecnolóxica ou exercer a
consultoría multidisciplinar.