A Universidade de Vigo celebra un obradoiro de OpenOffice.org avanzado

martes, 3 de marzo do 2009 Raquel Noya

A partir do vindeiro 9 de marzo e ata o 4 de abril de 2009, GALPon, o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra en colaboración con TEGNIX, vai levar a cabo un obradoiro avanzado da suite ofimática de OpenOffice.org, na Universidade de Vigo, dirixido a tódolos alumnos e alumnas que desexen afondar nos seus coñecementos de software libre e ofimática.
O obradoiro, que conta cun máximo de 17 prazas, terá lugar na ETSE de Telecomunicacións e vai dirixido a aquelas persoas que empregan con regularidade as ferramentas de oficina como procesadores de texto, follas de cáculo, presentacións… e están interesadas en explotar ao máximo as vantaxes que ofrece o software libre; neste caso o OpenOffice.org, “a aplicación aberta con maior proxección a nivel mundial”.
Os obxectivos desta actividade son, entre outros, traballar en profundidade con documentos ofimáticos, coñecer e empregar con facilidade as ferramentas do OpenOffice (procesador de textos, follas de cálculo, presentacións, deseño vectorial…), traballar con macros e bases de datos…
O curso, que contará coa presenza do experto en software libre, Claudio Filho, terá unha duración de 30 horas e os asistentes obterán 2 créditos pola súa realización.
O custe por asistir ao obradoiro completo é de 48 euros e o prazo de matrícula remata o vindeiro 6 de marzo.
O programa completo pódese consultar na web da Universidade de Vigo, onde se achega, asemade, completa información para formalización da matrícula.
As clases terán lugar os luns e os mércores de 16:00 a 19:00 horas.