A Xunta aposta por políticas para reducir a fenda de sexo no ámbito científico-tecnolóxico
martes, 24 de setembro do 2019
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reivindicou
unha maior presenza das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos
para enriquecer a actividade científica na súa intervención hoxe na mesa
redonda Muller, Ciencia e Igualdade, organizada pola entidade Women
in Nuclear (WiN).
López Abella instou a promover a eliminación dos
desequilibrios na formación científica, tanto na investigación e na innovación
como na xestión de I+D+i, así como situar a perspectiva de xénero nas
actividades científicas. Por iso, aposta polas políticas de igualdade como vía
para reducir as fendas de xénero en tódolos ámbitos, entre eles o
científico-tecnolóxico.
Este é o reto do II Programa Galego de Muller e Ciencia,
cuxo obxectivo é seguir avanzando na igualdade real no campo científico desde a
concepción de que o valor das persoas, no que se refire á súa esixencia e ao
seu esforzo debe ser o que determine a súa excelencia.
O VII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades de
Mulleres e Homes 2017-2020 tamén busca consolidar o enfoque de xénero e das
mulleres na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación.
Nas medidas deste plan inclúese o proxecto NIN+NIN-,
Iguais que favorece o encontro con mulleres singulares líderes nos
seus sectores, como é o caso da ciencia, para que o alumnado de Educación
Secundaria Obrigatoria (ESO) teña referentes femininos en ámbitos nos que non
existe aínda paridade de xénero.
A secretaria xeral da Igualdade sinalou que dar a coñecer as
aportacións das mulleres no ámbito científico e tecnolóxico para romper o teito
de cristal contribuirá á redución da fenda no campo das ciencias e da
tecnoloxía. Nesta liña, tamén ve preciso consolidar o enfoque de xénero e das
mulleres na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación.
Galardóns como o Premio María Josefa Wonenburger Planells recoñecen a esas
mulleres que se adiantaron ao seu tempo e abriron camiños a moitas outras.