A Xunta avanza detalles sobre o seu plan para dixitalizar o sector público

mércores, 28 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presidiu a xornada Galicia e a sociedade da información

A presentación en Santiago do estudo da Fundación Telefónica Galicia e a Sociedade da Información (do que xa falamos polo miúdo nesta web) contou coa presenza de Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen resumiu os logros e as eivas do actual panorama galego do coñecemento na nosa terra e avanzou algunhas das medidas que o seu departamento levará a cabo para reducir a fenda dixital. Para comezar, a secretaria xeral quixo deixar claro que o noso emprazamento periférico na Península e en Europa puído ser un atranco hai anos, pero non no eido da nova información: “No mundo dixital esvaécense as fronteiras convencionais, así todos podemos ser o centro, incluídos nós”.
Ao seu xuízo, unha das claves para conseguilo é a cooperación entre moi diversas frontes: “Resulta preciso integrar esforzos para usar de xeito intelixente estes avances tecnolóxicos que aquí nos apuntan”, sinalou, referíndose ás claves incluídas no informe de Telefónica.
E continuou: “Os datos amosan que avanzamos, pero non queremos ser conformistas. Queremos máis investimentos. A realidade galega precísaos”. Máis en detalle, Pereira requiriu na súa intervención a posta en marcha de novas iniciativas que sigan o ronsel do Plan Avanza, programa que inxectou 11.000 millóns de euros en cinco anos: “Somos moitos os que agardamos o vindeiro Avanza 2, como continuidade dun esforzo imprescindible por parte do Goberno central neste camiño”.
Polo que atinxe ás novidades avanzadas do seu programa de pulo ás TIC, Pereira citou a vindeira elaboración do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global encamiñado a modernizar a Administración galega. Para a secretaria xeral, trátase dun importante desafío no que se refire ao fomento das TIC nos diferentes sectores produtivos e sociais.

PUBLICIDADE