A Xunta colaborará na inserción laboral das persoas discapacitadas a través das TIC
mércores, 14 de outubro do 2009
A secretaria xeral de Modernización e
Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, vén de recibir ao presidente
da Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia, Gerardo Crespo, con
quen decidiu colaborar co obxectivo de facer que as novas tecnoloxías faciliten
a inserción laboral das persoas que sofren algún tipo de discapacidade no noso
páis.
Pereira
destacou a necesidade de adaptar os postos de traballo deste colectivo para
axeitalos ás novas demandas, e para o que a tecnoloxía é unha ferramenta
fundamental e imprescindible.
“Apoio
total da Xunta a este colectivo” foron as verbas máis destacables da
secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, quen salientou a
proposta da asociación de realizar un estudo para coñecer a situación actual do
uso destas ferramentas nas empresas galegas e identificar as posibles
necesidades para poder poñer en marcha estratexias de actuación. “Partimos sempre da premisa de que as novas
tecnoloxías non poden ser un elemento que dificulte esta inserción, senón todo
o contrario”, afirmou a secretaria xeral.
Pola súa banda,
o presidente da Asociación de Empresarios Discapacitados do noso país, Gerardo
Crespo, destacou a importancia de empregar as novas tecnoloxías para favorecer
a inserción laboral do colectivo de persoas con discapacidade, algo que,
segundo afirmou, “xa se está a facer
noutros países”.
“Vemos a tecnoloxía como unha ferramenta
moi positiva para a inclusión”, apuntou Crespo, “e pretendemos que non sirva para facer unha fenda, que non provoque
diferencias entre uns e outros senón que sirva para incluírnos a todos”,
asegurou.