A Xunta e o Ministerio de Industria potenciarán o uso da tecnoloxía no sector turístico
venres, 21 de setembro do 2012
- O conselleiro Alfonso Rueda asinou o convenio co presidente de Segittur
O
conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda,
e o presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as
Tecnoloxías Turísticas (Segittur), Antonio López de Ávila, asinaron
hoxe un acordo de colaboración en materia de innovación e desenvolvemento
tecnolóxico no sector turístico.
O presidente
de Segittur e mais o conselleiro de Presidencia materializaron este acordo que
suporá a adhesión da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia á
plataforma Comparte Iniciativas, unha ferramenta de intercambio de
transferencia tecnolóxica en materia turística posta a disposición das
distintas comunidades autónomas, proxecto ao que xa se anexionaron outras
Comunidades Autónomas como La Rioja, Murcia ou Extremadura.
Segundo
explicou López de Ávila, a sinatura deste convenio marco de colaboración co
Goberno galego constitúe una peza máis no camiño do “espírito de El Hierro”, cuxa base é compartir e traballar
conxuntamente entre as distintas administracións para aforrar custes, compartir
coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que redunden en beneficio do sector
turístico.
O acordo
tamén prevé que Segittur apoie a Galicia na internacionalización das empresas e
dos proxectos turísticos innovadores da nosa comunidade, acompañándonos na
apertura de novos mercados. Ambos organismos colaborarán no intercambio de
experiencias no desenvolvemento de soportes tecnolóxicos de xestión, que
contribúan a incrementar a cualificación das empresas turísticas, a mellorar a
súa xestión interna e a fomentar a participación dos empresarios no
desenvolvemento dos seus destinos.
Conferencia sobre impulso á innovación no sector turístico
O presidente de Segittur impartiu no Centro Superior de Hostalería de
Galicia un relatorio sobre as posibilidades da Sociedade Estatal para a Xestión
da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas como responsable do impulso á
innovación (I+D+i) no sector turístico español nos eidos público e privado.
Segundo
López de Ávila, o obxectivo de Segittur é favorecer a migración cara un novo
modelo de crecemento turístico en España baseado na creación, desenvolvemento e
consolidación de empresas e destinos turísticos intensivos en innovación e
coñecemento, que permitan crear novos mercados e nichos de negocio, así como
expandir os existentes cara aqueles segmentos de meirande valor engadido en
rendibilidade económica e ambiental.
O catro
eixos de actuación de Segittur son as novas tecnoloxías, a innovación, o apoio
aos emprendedores, así como a exportación do know-how turístico. O presidente de Segittur falou durante a súa
intervención en Santiago de Compostela do apoio aos emprendedores do sector
turístico. Para isto, dixo, “poranse en
marcha varias accións encamiñadas a impulsar o espírito emprendedor e a
creación de novas empresas a través de accións relacionadas coa atracción e
retención do talento, a xanela única turística, programas de financiamento e
mentoring”.