A Xunta impulsará o software libre potenciando a súa implantación en empresas e Universidades
xoves, 30 de xullo do 2009
A secretaria xeral
de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, sabedora de que as
aplicacións en código aberto “teñen un
interesante potencial para crear modelos de nogocio e dinamizar o sector TIC
local de xeito eficaz e económico”, vén de facer pública a súa intención de
impulsar a implantación do software libre en toda a nosa comunidade, e en
especial, en áreas como as pequenas e medianas empresas, as Universidades e os
centros de investigación, para, dese xeito, potenciar a súa aplicación aos
sectores produtivos e estratéxicos de Galicia.
Pereira, que hoxe
mesmo presidiu unha xuntanza con representantes das Universidades galegas, o
CESGA e os axentes que colaboran coa Administración para establecer novas liñas
de actuación a prol do desenvolvemento do software libre en Galicia, avogou por
manter un contacto directo e continuo con todos os axentes implicados
(empresariado, institución, comunidades de desenvolvemento de software
libre...) e calificou esta colaboración como “clave, para orientar axeitadamente as políticas tecnolóxicas e facer ao
software libre partícipe das mesmas”.
A secretaria
indicoulle aos asistentes que, “o que
demanda a sociedade, o empresariado e o empregado público son solucións que lle
fagan a vida e o traballo máis doado e, no caso das empresas, que incremente a
súa competitividade”, unha demanda social que a Secretaría que representa
Pereira xa está a atender, a través de iniciativas e solucións baseadas tanto
en software libre como en software propietario, dous estándares distintos que
segundo Pereira, “deben convivir, para
garantir a interconxeión entre diferentes solucións tecnolóxicas e dar resposta
á demanda cidadá”.
Pereira sinalou que,
desde a posta en marcha da iniciativa galega polo software libre, son moitas as
actividades levadas a cabo por parte da Xunta e das diferentes institucións e
comunidades de usuarios coas que colabora estreitamente; neste senso, a
conselleira destacou o a importancia de
poder escoller o galego como língua principal coa que usar os nosos equipos,
porén recoñeceu que “o software debe
estenderse por convencemento e non por imposición”.
Co obxectivo de
afondar no desenvolvemento e na investigación do software libre, a Secretaría
Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vai crear, segundo afirmou a súa
máxima mandataria, un Centro Demostrador de produtos de software libre que
permita dar a coñecer os casos de éxito en sectores concretos, así como un
Servizo Integral ás pequenas e medianas empresas galegas, dende o cal traballar
coas mesmas e coñecer as súas impresións no uso de modelos de software libre
para aportar solucións axeitadas ás súas características.
Todo isto, indicou,
apoiado nun Estudo comparativo sobre software libre de xestión empresarial para
a mellora competitiva da industria galega, “que
identifique ámbitos de actuación”.
Asemade, a conselleria fixo fincapé na
necesidade de fomentar o Repositorio de software Libre en Galicia como ferramenta
estratéxica para o seu desenvolvemento, e o impulso á implantación efectiva dos
estándares abertos.
Deste xeito, segundo
explicou Mar Pereira, a Xunta porá en marcha o procedemento para licenciar como
software de fontes abertas o software desenvolvido con fondos públicos, e que
sexa propiedade da Administración autonómica, “de xeito que estea a disposición daqueles organismos e administracións
que amosen interese nel”. Así mesmo, empregará documentos baseados en
estándares abertos como a política de Goberno nas súas comunicacións coa
cidadanía.
Formación e divulgación
Nesta área, conforme
relatou Pereira, a Xunta establecerá un plan de acción a medio e longo prazo coas institucións
interesadas no desenvolvemento do software libre: universidades, grupos e
comunidades de usuarios, centros tecnolóxicos, CESGA... e tamén, colaborará con
outros organismos para coordinar accións formativas na sociedade e nas
empresas.
A Rede de
telecentros, pola súa banda, servirá para achegar o software libre aos cidadáns
e, no que respecta ás empresas, realizarase a través de programas formativos
orientados a institucións, clústers, plataformas ou asociacións, etc; e orientado
ao sector TIC, o que se fornecerá a través dun plan efectivo de excelencia
empresarial.
Tamén se actuará no
ámbito educativo, colaborando coa Consellería Educación e Ordenación
Universitaria para a formación de profesorados de primaria e secundaria, para
elaborar contidos dixitais orientados ao tele ensino e para fomentar
iniciativas de tradución ao galego das ferramentas de software libre e promover
o mantemento destas traducións nas sucesivas versións dos produtos, contando co
apoio de Política Lingüística.
