A Xunta pon á spin-off Sense Aeronautics como exemplo do potencial da transferencia de coñecemento
mércores, 7 de febreiro do 2024
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, resaltou hoxe o potencial do Programa Ignicia para promover a transferencia de coñecemento en Galicia durante a presentación da spin-off Sense Aeronautics do centro tecnolóxico Gradiant, que contou co apoio do programa na convocatoria de 2021, e que está centrada na análise de vídeo con intelixencia artificial para lograr que as operacións con drons sexan máis eficientes e seguras.
Ademais, tamén se informou dos nove proxectos seleccionados na Convocatoria Ignicia Proba de Concepto 2023, promovidos polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Gradiant e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).
“A creación dunha spin-off ou a firma de acordos de licenza son as metas que persegue a transferencia, é dicir, que os resultados da investigación cheguen ao tecido produtivo, de maneira que se valorice o investimento en ciencia, xerando impacto na sociedade. Pero para alcanzar este punto temos que percorrer todo un traxecto que pasa por financiar e apoiar os procesos de valorización, formar e profesionalizar ao persoal xestor de transferencia e ao persoal investigador, fortalecer as unidades de transferencia, visibilizar as capacidades do Sistema Galego de Innovación e monitorizar o propio sistema de transferencia para coñecer como evoluciona. Todos estes aspectos son abordados polo Programa Ignicia, que desenvolvemos coa colaboración da Fundación Barrié e que se caracteriza por apoiar a transferencia desde unha perspectiva global”, explicou Patricia Argerey.