A Xunta ultima o plan para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais galegos

luns, 18 de marzo do 2013 Redacción

O Comité de Dirección do Plan para a Modernización Tecnolóxica do Sistema Galega de Servizos Sociais, promovido pola AMTEGA e a Consellería de Traballo e Benestar en colaboración co SERGAS, aprobou esta mañá o documento definitivo do Plan para ser remitido ao Consello da Xunta, instrumento no que buscan a integración das TIC na xestión dos servizos sociais para garantir a sustentabilidade do sistema, mellorando a capacidade e a calidade da atención, reducindo os custos administrativos e optimizando os recursos existentes.
O Plan pretende acadar un sistema integrado con toda a información relevante dos usuarios e coa carteira de servizos global, dispoñible para todos os axentes implicados, o que facilitará a implantación efectiva da historia social única dos máis de 1,6 millóns de galegos aos que afectan estes servizos que subministran preto de 30.000 profesionais do Servizo Galego de Servizos Sociais.
As medidas establecidas no plan contribuirán ao desenvolvemento dun novo sector empresarial e profesional de notable impacto produtivo e de xeración de emprego, no que Galicia pode ser un referente nacional e internacional, á vez que suporá un bo pulo para o sector TIC galego que poderá desenvolver proxectos innovadores no eido sociosanitario ao abeiro do Plan.

PUBLICIDADE