A aceleradora BFAero bate récords de participación con 144 candidaturas de 26 países
luns, 4 de setembro do 2023
A
Axencia Galega de Innovación (GAIN) fixo balance do interese xerado
pola quinta edición de Business Factory Aero, que recibiu un total
de 144 candidaturas innovadoras do sector aeroespacial (segmento dos
vehículos non tripulados) procedentes de 26 países para participar
na aceleradora de incubación, aceleración e consolidación de
proxectos empresariais do Polo Aeroespacial de Galicia. Trátase do
“mellor rexistro obtido nas cinco convocatorias e supón un 63 %
máis que a edición anterior”, na que se recibiron 88 propostas,
sinalou a directora de GAIN, Patricia Argerey, durante unha visita á
startup Anduriña25, participante no itinerario autonómico de
aceleración da 4ª edición.
Anduriña25
O
proxecto de Anduriña25 é unha nave híbrida con capacidade de
despegue vertical (VTOL) e carga de ata 5 kg que permite voar en
condicións de fiabilidade, eficiencia e seguridade. Patricia
Argerey felicitou aos responsábeis de Anduriña25 “polos avances
no seu proxecto” e puxo en valor a traxectoria da startup
con este dron deseñado desde cero que se atopa na última fase de
probas e preparado para saír ao mercado en 2024. O seu próximo reto
será converterse no primeiro VTOL certificado de clase C3 con
hidróxeno e, ademais, ten presentado un ambicioso proxecto á
convocatoria do Programa Tecnolóxico Aeronáutico do CDTI en
consorcio con outras compañías.
Repercusión
internacional da BFAero
Nesta
quinta edición, a Business Factory Aero acadou un importante alcance
internacional, ao recibirse máis de 25 propostas de todo o mundo. Do
total de proxectos candidatos que optan a entrar nesta 5ª edición
un 46 % proceden de: India (15), Estados Unidos (10), Reino Unido
(5), Suíza (4), Turquía (3), Alemaña (3), Italia (3), Canadá (2),
Estonia (2), Ucraína (2), Países Baixos (2), Brasil (2), Francia
(1), Australia (1), Colombia (1), Singapur (1), Chile (1), Paquistán
(1), Finlandia (1), República Checa (1), Bolivia (1), Xapón (1),
México (1), Venezuela (1) e Xordania (1). Na edición anterior a
porcentaxe de participación internacional rexistrada foi dun 11 %.
Respecto
dos 78 proxectos presentados procedentes de diferentes provincias
españolas, 18 corresponden a A Coruña, 16 a Madrid, 11 a Barcelona,
6 a Pontevedra e 4 a Ourense. Santa Cruz de Tenerife, Lugo e Lleida
achegan 3 proxectos en cada caso; Murcia, Valencia, Alacante,
Guipúscoa e Mallorca, 2; e Xirona, Sevilla, León e As Palmas, 1.
Argerey
explicou que “o nivel das candidaturas tamén mellorou respecto a
edicións anteriores” e abranguen distintas especificidades dentro
do sector aeroespacial: equipos de control, navegación por satélite,
plataformas para a explotación ou o primeiro complexo de lanzamento
centralizado con base en Europa. Hai ademais propostas disruptivas
como dirixíbeis cautivos, drons mariños ou aeronaves lixeiras para
lecer. Nesta quinta convocatoria recibíronse tamén proxectos con
aplicación noutros eidos como o fotovoltaico, a aeroxeneración, a
agricultura, o deporte ou os espectáculos visuais a través de
drons.
Gaña
peso o itinerario de incubación
Por
itinerario, un 47 % dos proxectos optan a entrar no de incubación,
que gaña peso respecto da 4ª edición -na que representaba un 41
%-; no de aceleración un 41 % e un 12 % no de consolidación.
Segundo a súa tipoloxía un 91 % (130) son startups, un 6 %
(9) son spin-outs e un 3 % corresponden a spin-off (5)
da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela,
da Universidad Politécnica de Madrid e do Instituto Tecnolóxico de
Galicia.
A
área temática que máis solicitudes recolleu foi a de aplicacións
dos vehículos non tripulados para mercados concretos, que representa
o 45 % das propostas; un 39 % a plataformas e os seus compoñentes; e
un 16 % a equipos e sistemas, tanto embarcados como en terra.
No
balance de GAIN tamén se explica que “o nivel de madurez da
tecnoloxía dos proxectos presentados é variado, rexistrándose as
maiores porcentaxes nos máis próximos ao mercado, e polo tanto con
maiores posibilidades de que as empresas cheguen a éxito no mercado,
sexan capaces de valorizar a innovación nos deus proxectos e crecer
a medio e longo prazo”.
Respecto
da traxectoria innovadora dos proxectos, cabe sinalar que seis dos
candidatos teñen participado nalgún dos instrumentos do Consello
Europeo de Innovación (EIC); 4 nalgunha das Comunidades de
Coñecemento e Innovación do Instituto Europeo de Innovación e
Tecnoloxía e un recibiu o Selo de Excelencia do EIC. “Isto amosa o
alto nivel das candidaturas, que xa teñen competido en Europa con
proxectos de alto nivel”, salientou a axencia GAIN.
Proceso
de selección
O
equipo de selección da BFAero está a traballar xa no proceso de
selección, no que se escollerán un máximo de 3 proxectos a incubar
durante 12 meses, ata 5 proxectos a acelerar en 8 meses e máis a
consolidar durante 6 meses.
Os
11 proxectos seleccionados accederán á comunidade de empresas da
Civil UAVs Initiative, así como aos medios técnicos, servizos e
infraestruturas do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas
(CIAR) e aos proporcionados por outras entidades colaboradoras da
Business Factory Aero. Tamén disporán de oficina na área de
coworking da Fundación CEL, contarán con mentores
experimentados no sector aeroespacial e terán contacto con
investidores para acadar o máximo apoio económico no
desenvolvemento dos seus proxectos.
Datos
e casos de éxito da BFAero
A
BFAero completou xa 4 edicións cun total de 30 empresas
participantes nos diferentes itinerarios. O programa posibilitou a
creación de 9 empresas e un total de 119 empregos cualificados, cun
investimento directo de 6,6 millóns de euros.
A
aceleradora galega do sector aeroespacial conta con destacados casos
de éxito nestas catro convocatorias, sendo fitos relevantes da
cuarta edición a apertura dun novo centro de traballo en Galicia e o
acordo de transferencia de tecnoloxía coa Universidade de Stuttgart
de Kreios; o primeiro contrato coa a Axencia Galega de
Infraestruturas para a realización dunha proba piloto de Aguia ou a
constitución dunha sociedade filial en Galicia de Ahyres, as tres no
itinerario de incubación.
En
aceleración, Enercraft conta xa con novas instalacións no viveiro
de empresas de Barro e avanza nas probas da solución inicial con
empresas do ámbito da BFAero e da Civil UAVS Initiative; Cielum
asinou un contrato coa empresa Net2fly para a súa plataforma de
xestión de operacións con drons e realizou varias demos cos sandbox
U-Space existentes en España; pola súa banda, Beagle está a
desenvolver a súa familia de produtos (sistemas de vixilancia aérea
complementarios ás cámaras convencionais que reciben información
de posición e orientación de alta frecuencia en tempo real
amosándoa sobre un mapa 3D) e Anduriña presentou un ambicioso
proxecto á convocatoria do Programa Tecnolóxico Aeronáutico (PTA)
do CDTI en consorcio con outras compañías.
Finalmente,
no itinerario de consolidación cabe destacar o proceso de
internacionalización do mercado de Atom, que mira a Chile, Australia
e Uzbequistán nesta nova fase; Cíes continúa demostrando
capacidades (proba piloto sobre queima controlada simulando
condicións operativas de actuación en incendios forestais) ante
potenciais clientes e Fuvex ten xa un acordo con Naturgy para a
inspección e mantemento preditivo de máis de 100.000 km de tendido
eléctrico con drons.