A aplicación Radar COVID está totalmente operativa en 6 comunidades autónomas

xoves, 20 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A aplicación de rastrexo de contactos estatal Radar COVID está a ter unha implantanción moi lenta, en boa medida pola burocracia necesaria para a adhesión das comunidades autónomas a este proxecto que está previsto que funcione en case toda España a mediados de setembro, e que xa podía funcionar en probas dende o pasado día 10, aínda que na práctica tardou varios días máis en recibir ás súas primeiras comunidades: Andalucía, Cantabria, Aragón, Estremadura, Canarias e Castela e León.
Nas vindeiras semanas iranse incorporando progresivamente máis comunidades autónomas ao sistema que permite que os usuarios poidan obter un código para poder comunicar se deron positivo nunha proba da COVID-19, mecanismo establecido para evitar falsos positivos que poderían provocar o caos se non se pedise ningún tipo de confirmación para manifestar un positivo que dispare o mecanismo de alerta aos contactos dos últimos 14 días.
Actualmente Radar COVID ten preto de 2 millóns de descargas, e a Xunta de Galicia xa solicitou a adhesión a esta aplicación móbil, polo que resulta recomendable fomentar a súa instalación en dispositivos de cidadáns galegos canto antes, xa que non hai que agardar á manifestación de positivos para iniciar o rexistro de contactos, que é algo que a aplicación pode facer en todo o territorio español dende primeiros de mes.

PUBLICIDADE