A aula CeMIT de Ames comeza setembro cun curso en familia sobre programación
luns, 2 de setembro do 2019
Logo
do peche de verán, o
Concello de Ames informou hoxe da apertura da súa aula CeMIT,
que comeza o mes con novidades importantes relativas ao seu labor
permanente de divulgación e alfabetización tecnolóxica. A
programación de cursos de setembro inclúe incorporacións como un
curso en familia e maila ampliación nos horarios de cursos para
adultos, con dúas horas por sesión.
Respecto
da ampliación do horario, tivo a súa primeira quenda a pasada
primavera, acadándose resultados moi satisfactorios por parte da
veciñanza. En base a isto, este setembro as clases pola mañá serán
de 10:30 a 12:30 horas e polas tardes de 18:00 a 20:00 horas.
Respecto
da outra novidade, o curso en familia, será unha actividade
formativa onde pais e nais poderán matricularse cos seus fillos e
fillas para aprender xuntos/as. Esta nova iniciativa porase a
funcionar cunha actividade sobre a ferramenta de programación
Scratch, moi axeitada para aquelas usuarios e usuarios que estean a
dar os seus primeiros pasos na construción de programas e de
aplicacións. Esta actividade desenvolverase o luns 9 de setembro, en
horario de 9:30 a 13:30 horas.
Segundo
lembra o Concello, Scratch é unha linguaxe de programación por
bloques “moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas
comecen a usar a lóxica da informática na programación”, dando
pé a que logo afonden na robótica educativa e outros eidos máis
avanzados da tecnoloxía e da robótica.