A aventura dixital Hábitats. Natureza estendida permitirá explorar no Gaiás a biodiversidade do planeta

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou este luns 4 de decembro no Gaiás unha nova instalación inmersiva na Cidade da Cultura que combina arte e tecnoloxía. Trátase de Hábitats. Natureza estendida, en palabras do conselleiro “unha aventura sensorial que emprega Realidade Virtual e Aumentada para levar ao público a viaxar polos cinco continentes sen saír do Museo Centro Gaiás”. Román Rodríguez subliñou o carácter accesíbel desta proposta, “concibida para todos os públicos atendendo aos conceptos de sustentabilidade e cultura inclusiva”. De feito, fíxose un esforzo especial por garantir que poidan contemplar a mostra persoas de mobilidade reducida. A maiores, empregáronse nela materiais reciclados e biodegradábeis.
“Desde os 9 anos en adiante, todas as galegas e galegos poderán poñer as lentes de Realidade Virtual e vivir esta experiencia con seguridade”, asegurou, engadindo que “as persoas visitantes atravesarán o andar 1 do Museo Centro Gaiás provistas dunha lentes de realidade mixta que lles permiten ver en todo momento o mundo físico ao seu redor e, sobre el, as capas de RV nas que se desprega unha natureza vibrante”. Deste xeito, ata dez persoas poderán percorrer de maneira simultánea a instalación.
As mans virtuais que imitan en tempo real os movementos dos dedos fan tamén que sexa sinxelo para calquera interactuar cos elementos virtuais da experiencia. Durante o percorrido, as persoas visitantes poderán observar de preto e incluso tocar animais e plantas como axolotes, leoas, corais, acacias, focas e elefantes, entre outras moitas.
O director do proxecto, Carlos Seijo, explicou no acto que as recreacións das especies animais e vexetais de Hábitats están realizadas cunha plasticidade que busca a empatía fronte ao hiperrealismo. A natureza ilumínase desde o interior e faise translúcida, mostrándose fermosa e vulnerable para aguilloar as conciencias.
Con esta nova instalación inmersiva, a Cidade da Cultura amplía a súa oferta de contidos vencellados á arte dixital e ás novas tecnoloxías, logo da pioneira Carne y Arena, creada polo director Alejandro González Iñárritu, e das experiencias de realidade virtual incluídas no catálogo do Galiverso. “Facémolo ademais apostando polo talento galego nos eidos das artes visuais, o modelado e animación 3D e a programación”, salientou o conselleiro.
A instalación no andar 1 do Museo Centro Gaiás inclúe nove escenarios representativos doutros tantos ecosistemas do planeta: as zonas húmidas de Xochimilko en México, a selva amazónica do Perú, o deserto de Sonora nos Estados Unidos, o mar de Weddel na Antártida, a Cova de Ceza no Courel, a sabana en Kenia, os areais da reserva de Ras Al Jin en Omán, a Gran Barreira de Coral australiana e os fondos oceánicos.
As persoas visitantes disporán de 40 minutos para explorar os diferentes escenarios, guiados por unha voz en off (en galego, castelán e inglés) que vai revelando detalles e información de interese sobre as especies animais e vexetais que se atopan en cada ecosistema.
As entradas pódense mercar a un prezo de 3 euros a través de Ataquilla e no Museo centro Gaiás. A partir de xaneiro, a Cidade da Cultura ofrece tamén a posibilidade de concertar visitas gratuítas á instalación para os centros de ensino galegos.

PUBLICIDADE