A cidade visible grazas ás redes, a debate este mércores en Santiago

mércores, 26 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Este mércores 26 estanse a celebrar en Compostela unhas xornadas sobre as posibilidades de desenvolvérmonos económica e socialmente a través do emprego eficaz das ferramentas en liña de vangarda, por exemplo as redes sociais que estimulan a participación directa dos internautas. Os encontros, que veñen da man do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (GIST) da Universidade de Santiago, celébranse este ano (o da oitava edición destas Xornadas SINDUR) baixo o epígrafe Da Cidade Dixital á Cidade Aumentada: impulsando a Intelixencia Social en Santiago a partir das TIC.
O obxecto da actividade, informa a USC, é avaliar o modo en que se pode superar o concepto de cidade dixital clásica, un termo que que vén máis de antigo que moitas das ferramentas en liña máis espalladas da actualidade e que achegan novas dimensións á posibilidade de termos parte activa na construción das administracións públicas e das comunicacións mesmas. Segundo contan os responsables do evento, trátase de ir alén da publicidade dos tópicos por unha estratexia de mercadotecnia en liña innovadora para promover a cidade e máis o territorio. Desta teoría xorde a cidade aumentada, de entendermos a nova rede como unha gran lente que permita facer visible o que até o de agora ficaba lonxe da nosa vista e da comunidade internacional: o noso espazo urbano con tódolos seus integrantes.
As xornadas, desenvolvidas ao abeiro do Plan Nacional de I+D+i, celebranse no centro sociocultural de O Ensanche (Santiago). O profesor Mark Wilson, da Universidade de Michigan (EEUU) abre o evento, no que se inscribiron corenta persoas.
O programa conta tamén coa participación das investigadoras da USC Yolanda García, Antía Pose e Mariña Pose, que falarán sobre a innovación e a transferencia de tecnoloxía. A xornada conclúe con un debate, que terá lugar tras a conferencia titulada Innovación e investigación dende o mundo profesional. O caso do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, a cargo de Fernando Suárez.

PUBLICIDADE