A compostelá Sdweb participa en Cornellá no principal encontro europeo sobre Drupal
mércores, 10 de abril do 2013

- Fachada do edificio Citilab, sede da terceira edición da xuntanza europea
A empresa galega Sdweb,
responsable entre outras cousas de
ter localizado ao galego o xestor Alfresco e máis dunha
serie de importantes desenvolvementos sobre a base de Drupal, ten
novidades que contarnos sobre a súa presenza en escenarios
exteriores. Máis polo miúdo, Sdweb, con sede física en Compostela,
vai estar presente no Drupal
Executive Meetup, un encontro profesional que reúne ás
principais empresas europeas especializadas no desenvolvemento do
CMS, o xestor de contidos Drupal. O evento, que vai pola súa
terceira convocatoria, celebrarase os días 11 e 12 de abril na
cidade de Cornellà. Trátase, en termos máis concretos, dun evento
centrado en artellar a rede europea de desenvolvedores da comunidade
xerada arredor do
devandito sistema libre.
Dito doutro xeito:
estamos ante un encontro anual para establecer sinerxías entre
aquelas empresas e profesionais que participan activamente neste
comunidade achegando e desenvolvendo código fonte en moi diferentes
eidos (comercio electrónico, redes sociais, portais corporativos,
etc). O primeiro encontro deste tipo celebrouse en Bruxelas con máis
de 60 asistentes e tivo a súa segunda edición en Amsterdam. Na
terceira edición, acolle o evento a cidade de Cornellà (Catalunya)
no seu Centro Tecnolóxico para a Difusión da Cultura Tecnolóxica
(Citilab). Os responsables de Sdweb
– Solucións Dixitais salientan ao fío da repercusión desta
xuntanza o espírito de colaboración que se extrae dela, e máis o
seu alcance europeo. Así nolo explican: “A filosofía desta
cita é totalmente colaborativa con reunións permanentes, o
que facilita establecer moitas liñas de traballo en conxunto con
outras empresas europeas fortemente especializadas en Drupal e poder
presentar a nosa oferta a proxectos máis grandes así como a
desenvolver produtos e servizos especializados”.
