A comunidade de usuarios de programas abertos celebrou o Día da Liberdade do Software
mércores, 21 de setembro do 2011
O pasado sábado, tal e como nos relembraron
un ano máis os compañeiros da Comunidade
O Zulo, dende Mugardos (sede do encontro Kernel), celebrouse o Día da Liberdade do Software, tamén
coñecido polas súas siglas en inglés, SFD. A cita foi, coma sempre, unha
celebración mundial das vantaxes da programación aberta, facendo fincapé na
necesidade de conseguir que estas vantaxes non sexan só coñecemento duns
poucos, senón de toda a comunidade de usuarios das novas tecnoloxías. A
celebración, que se vén desenvolvendo dende 2004, tamén se centra en informar
das potencialidades da programación libre entre as empresas e as administracións,
sobre todo polo que teñen de aforro e adaptabilidade, cuestións especialmente
importantes nuns tempos, os que vivimos, moi críticos dende o punto de vista
orzamentario.
Segundo se sinala na
web de Mancomún, estamos ante un “día
especial para insistir e concienciar á cidadanía de que o software libre é
unha tecnoloxía madura e de calidade capaz de ofrecer solucións en calquera
ámbito”. Resumindo, do que se trata é de desvelar as posibles dúbidas que
haxa arredor do código aberto e da súa viabilidade, cousa que xa está máis que
probada e certificada, tanto por parte de institucións estatais como por
exemplo CENATIC (que fixo fincapé
no importante medre que está a experimentar este tipo de programación entre as
empresas españolas) como por parte de institucións galegas, é o caso do
observatorio OSIMGA, que desvelou a semana pasada positivos
índices de crecemento deste software no noso tecido privado.
De despexar dúbidas, se é que aínda quedan,
tamén tratou o encontro convocado polo Zulo en Mugardos, unha nova edición do
seu día Kernel que contou coa participación dos principais representantes da
nosa comunidade usuarios e desenvolvedores de software libre.
Segundo informa Mancomún, esta xornada de
celebración, a nivel internacional, é
coordinada pola organización sen arela de lucro Software Freedom
International quen subministra soporte e un punto de colaboración, mais son
os grupos e organizacións de voluntarios locais arredor de todo o mundo quen
organizan diversos actos para motivar ás súas respectivas comunidades.
O evento de Mugardos
Volvendo a Mugardos e cita desta pasada fin de semana, dicir que o Kernel é un
evento lúdico-tecnolóxico que se celebra na vila da comarca ferrolá dende o ano
2004. Organizado conxuntamente pola Asociación Comunidade O Zulo e o Concello
de Mugardos, asisten dende rapaces de 15 anos ata universitarios,
electricistas, tubeiros, informáticos, etc. Segundo apunta a organización,
trátase dun encontro especialmente axeitado para persoas directamente
relacionadas coa tecnoloxía, os xogos e a Rede na súa vertente máis aberta. “Sentimos
paixón polo software e a cultura libre”, sinalan os organizadores, “así
que se queres aprender ou ensinar swlibre, no Kernel 2011 terás oportunidade de
coñecer a moita xente con intereses comúns”.
