A comunidade do Portal das Palabras elixe Nós como palabra do ano 2020
luns, 28 de decembro do 2020
Como
cada ano, o termo galego elixido pola comunidade de usuarias e
usuarios do Portal das Palabras (impulsado pola Real Academia Galega
e a Fundación Barrié) é un termo especialmente significativo dos
acontecementos inmediatamente previos, ou sexa, das cousas que nos
pasaron ao longo dos doce meses do ano e das conclusións que se
extraen desas cousas acontecidas. Este ano elixiuse unha palabra que
nos lembra a importancia de estarmos unidas e unidos, e non sentirnos
sós, ante calquera tipo de adversidade. Estamos
a falar de Nós, que é foi elixida Palabra do Ano 2020 e que é,
para a comunidade internauta, un dos mellores antídotos que pode
haber fronte a crises como a da COVID-19.
A
elección levouse a cabo o pasado 25 de decembro. En palabras da RAG,
“a voz gañadora salienta algo bo dun ano ben complicado, a
celebración do centenario da xeración Nós, e olla cara ao futuro
con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global
provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis
absoluta, xusto nun momento en que cobra forza outra das palabras
finalistas cuxo éxito dependerá da implicación de todas e todos
nós: vacina”.
Seteiro,
en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro
(Sagittarius na forma latina), foi a segunda palabra máis votada
tras resultar unha das seis finalistas pouco despois de que o
Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobase a listaxe
normalizada dos nomes galegos das constelacións. “A escolla”,
engadiu a academia, “pode verse como un xeito de reivindicar o
coñecemento, e a valoración, do ceo e dos seus nomes; mais tamén
ten algo, outra vez, de evasión colectiva nun ano en que a COVID-19
disparou o emprego de certos termos e mesmo requiriu incorporar novas
palabras e acepcións ao dicionario, entre elas o da propia
enfermidade ou coronavirus”.
Os
outros catro termos finalistas teñen unha relación moito máis
directa coa pandemia e as súas consecuencias: gromo, na acepción
que incorporou o dicionario da RAG neste 2020, a referida á
aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación
dun determinado lugar, acadou o terceiro posto; pandemia foi a cuarta
palabra máis votada; máscara, a protección que deu o salto dos
quirófanos á rúa, ocupa o quinto posto; e vacina, a grande
esperanza que fixo máis levadío este annus horribilis e que
comezou a subministrarse onte mesmo en Galicia, fica no sexto.
Os
votos estiveron máis repartidos ca noutras ocasións. Nós acadou
case 3 de cada 10 votos emitidos; seteiro rozou o 20%; gromo fíxose
con pouco máis do 17%; pandemia chegou ao 15%; e máscara e vacina
sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.